Publicador de contidos

Publicador de contidos

Volve a Champions de Hóckey á G2 co Liceo-Bassano

Volve a Champions de Hóckey á G2 co Liceo-Bassano

O equipo coruñés parte como favorito este xoves ante o pechacancelas do grupo

Foto Liceo Foto Liceo
G24.gal 07/01/2026 15:13 Última actualización 07/01/2026 19:03

Este xoves regresa o mellor hóckey sobre patíns europeo á grella da segunda canle da Televisión de Galicia e á plataforma AGalega.gal. A partir das oito e media do serán, Patricia Rodríguez Juste e o analista López Regos contarán desde o palacio dos deportes de Riazor o encontro correspondente á cuarta xornada da Champions entre o Liceo da Coruña e o Bassano de Italia. Os herculinos ocupan a terceira praza do grupo, con catro puntos, mentres o conxunto de Vicenza aínda non puntuou nas tres primeiras citas da competición e figura na última praza.

O Liceo pechou o domingo a primeira volta da liga española gañando en Alcoi e rematando na terceira posición. Agora, o equipo de Juan Copa centra os esforzos no torneo continental co obxectivo de garantir os puntos da casa que lle permitan entrar entre os catro primeiros e acceder así á final a oito do mes de maio. Este será xa o terceiro encontro ante a súa afección, despois de derrotar ao Oliveirense por 3-2 e empatar ante o Sporting de Lisboa a dous goles. Fóra da casa, o conxunto liceísta perdeu na pista do Barcelos.

O Liceo-Bassano abre o xoves unha intensa semana de retransmisións deportivas. O sábado, os espectadores terán ata catro partidos en directo co prato forte desde o estadio Gran Canaria, onde o Deportivo da Coruña visita a Unión Deportiva As Palmas no principal encontro da xornada na Segunda División profesional.

A primeira canle da Televisión de Galicia ofrecerá unha programación especial, coa previa máis completa desde as seis da tarde da man de Óscar Benito, o adestrador Tito Ramallo e a exfutbolista Miriam Ríos.

Mentres, a G2 terá fútbol da Primeira RFEF ás catro e cuarto da tarde co derbi entre o Arenteiro e o Club Deportivo Lugo desde o campo do Espiñedo. A partir da sete tomará o mando na segunda canle o baloncesto da Primeira Federación, co derbi entre o Ourense o Obradoiro desde o pavillón Paco Paz.

A plataforma AGalega.gal segue emitindo en exclusiva o fútbol da Segunda RFEF. O sábado, ás catro, o campo Arsenio Iglesias acolle o derbi entre o Fabril Deportivo e o Coruxo. O domingo, ás cinco e no formato multifútbol, compartirán protagonismo os encontros U. D. Ourense-Salamanca e Bergantiños-Ávila.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade