Cruel derrota do Celta ante o Real Madrid (1-2)
Un gol de Valverde na última xogada do partido deu a vitoria ó equipo branco
Iago Aspas tivo o 2-1 no treito final pero o seu remate petou no pau da portería de Courtois
O Celta caeu derrotado en Balaídos ante o Real Madrid nun partido que se decidiu nunha desafortunada xogada no minuto 95 cando os vigueses ca acariciaban un valioso empate.
Avisou o Celta de saída cun remate de zurda de Borja Iglesias que sacou con apuros Courtois. Pero o Real Madrid rapidamente fíxose co control do partido. Vinicius rematou ao pau e pouco despois Tchouameni non desperdiciou un despiste defensivo dos vigueses para superar a Radu cun disparo desde a frontal da área e anotar o primeiro gol do partido. Os brancos dominaban e os celestes buscaban sorprender á contra. E desa forma chegaría o empate, tras un bo desmarque de Williot ás costas de Alexander Arnold. O seu pase atrás foi rematado por Borja Iglesias para igualar o partido. E a piques estivo de chegar o segundo gol céltico xusto antes do descanso cun remate de Williot que volveu despexar Courtois nunha gran intervención do meta belga.
Na segunda metade o celta defendía e o Real Madrid tentaba buscar un oco ante a organizada defensa dos vigueses. O medo chegou á parroquia celeste tras unha chamada do VAR a Díaz de Mera despois dunha man de Jutglá na defensa dun saque d eesquina. O colexiado foi ó monitor pero non sinalou penalti por unha falta previa de Palacios sobre Moriba. No treito final entrou Iago Aspas no campo e gozou da mellor ocasión da segunda metade pero o seu disparo petou no pau da portería branca. E na última xogada da prolongación chegaría o gol da vitoria dos de Arbeloa tras un disparo de Valverde que entraba na meta de Radu tras tocar en Marcos Alonso.