O Dépor remonta ante o Mirandés e volve a postos de ascenso directo (3-1)
Os de Hidalgo déronlle a volta ao partido no segundo tempo tras chegar ao descanso por debaixo no marcador
Gran partido de Yeremay no seu retorno á titularidade
Os burgaleses protestaron moito a actuación arbitral pedindo a expulsión de Ferllo na xogada do penalti que transformou o ex deportivista Carlos Fernández
Importante vitoria do Deportivo, que recuperou a segunda posición da clasificación tras derrotar o Mirandés, 3-1, nun partido que tiveron que remontar na segunda metade tras un mal final de primeira parte onde encaixaron un gol e puideron recibir algún máis.
Os burgaleses protestaron moito a actuación arbitral, pedindo tarxeta vermella para Ferllo na xogada do penalti e a inexistencia de falta no máximo castigo asubiado por Álvaro Moreno favorable ao cadro local.
A entrada no partido dos herculinos foi moi boa. Alti estivo preto de inaugurar o marvador tras un pase de Yeremay e poucos minutos despois foi Luismi Cruz o que tentou unha vaselina para finalizar un man a man, pero, tras superar a Juampa, o balón saíu lambendo o pau da portería burgalesa.
Pero o Mirandés tamén contraatacaba con perigo e Álvaro Ferllo evitaría o primeiro dos burgaleses cunha sensacional intervención tras unha xogada individual de Javi Hernández. Respondería o Dépor acto seguido, Nsogo Bill aproveitaba un centro de Yeremay para marcar pero o gol era anulado por fóra de xogo do xogador canario.
Eran minutos de tolemia onde Unax del Cura remataba o pau da meta deportivista metendo o medo no corpo á parroquia herculina. E nun erro defensivo tras un saque de porta visitante, o propio Del Cura era derribado por Ferllo. O colexiado sinalaba penalti, e por sorte para o Dépor, deixaba a amoestación en amarela pese as protestas dos vermellos.
O exdeportivista Carlos Fernández non erraba desde os 11 metros e colocaba en vantaxe os seus. Os de Hidalgo semellaban tocados polo gol encaixado e incluso na última xogada da primeira metade estivo a piques de encaixar un segundo gol. Carlos Fernández remataba o pau da meta local ao saque dunha falta. Foi a última xogada antes do descanso, onde a afección de Riazor apupou os seus xogadores camiño do vestiario.
Pero nos dez primeiros minutos da segunda metade o Dépor daríalle a volta. Primeiro cun gol de Mario Soriano tras un disparo de zurda desde a frontal e despois cun gol de Yeremay de penalti tras unha derruba de Medrano a Alti. O VAR solicitou ao colexiado que revisara a xogada, pero o andaluz Álvaro Moreno mantívose firme na súa decisión.
E con vantaxe no marcador os herculinos puideron correr. E desa forma chegaría o terceiro tras unha gran galopada pola esquerda de Yeremay que era rematada ao fondo das mallas por Nsongo.
Na prolongación puido reducir a diferenza o Mirandés, pero Ferllo paroulle un penalti a Javi Hernández. Foi o epílogo a un choque no que os herculinos sufriron máis da conta, pero acadaron un triunfo vital na súa loita por retornar á Primeira División.