Viveiro volve quedar sen cines pola baixada de espectadores despois da pandemia
Con este novo peche, as salas de Ribadeo son agora as únicas abertas na Mariña
Viveiro volveu quedar sen cines. Tras máis de dez anos de actividade, a empresa que xestionaba as salas botou o peche. O principal motivo é a baixada de espectadores, sobre todo despois da pandemia. A isto súmase unha complicada xestión a distancia, realizada dende Salamanca.
"Unha mágoa. Non nos podemos permitir que vilas como Viveiro sigan perdendo servizos, comercio, ocio... Para nós é unha perda moi importante", sinala Isabel Méndez, xerente do Centro Comercial Aberto de Viveiro.
Con esta nova clausura, as únicas salas de cine quedan abertas en toda A Mariña son as de Ribadeo. É dicir, a máis de 60 quilómetros de distancia da vila máis poboada da comarca.
"Non é cuestión de que haxa un cine agora a 60 ou a 80 quilómetros, en Lugo ou noutro lado. É que o temos aquí, pero hai que vir para que alguén o poida ter aberto", engade Isabel Méndez.
Con todo, a empresa a cargo das instalacións deixa a porta aberta ás propostas, por parte de xestores locais, que permitan a súa reapertura como cines ou para outros usos.