Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os resultados definitivos confirman a clara vitoria de Netanyahu

Os resultados definitivos confirman a clara vitoria de Netanyahu

Conta cos apoios para formar Goberno xunto os seus socios ultradereitistas e ultraortodoxos

Recupera o cargo o primeiro ministro máis lonxevo da historia de Israel, con 15 anos no poder

G24.gal 03/11/2022 20:31 Última actualización 03/11/2022 21:49

Os resultados finais das eleccións en Israel confirman que o exprimeiro ministro Benjamin Netanyahu conta cos apoios necesarios para formar un Goberno xunto os seus socios ultradereitistas e ultraortodoxos, recuperando o poder tras máis dun ano na oposición.

O escrutinio definitivo outorga 32 escanos ao Likud de Netanyahu, que triunfa nos comicios e acada os 64 deputados xunto ao Partido Sionista Relixioso (14) e os ultraortodoxos Shas (11) e Xudaísmo Unido da Torá (7).

Este bloque de partidos supera a maioría mínima de parlamentarios necesaria para gobernar nunha Cámara de 120. O vindeiro paso será a presentación de resultados finais ao presidente, Isaac Herzog, que recibirá nos vindeiros días aos líderes dos partidos con representación parlamentaria, para que recomenden un candidato para o cargo de primeiro ministro.

Espérase que Netanyahu acade sen problemas a maioría mínima de 61 recomendacións e reciba o mandato para formar goberno. Pasado este trámite, o exmandatario deberá negociar cos líderes dos partidos do seu bloque para distribuír carteiras ministeriais, algo que non debería ser un obstáculo dado que as catro formacións que o compoñen amosáronse unidas ao longo de toda a campaña.

O actual primeiro ministro en funcións, Yair Lapid, xa se comunicou con Netanyahu para felicitalo pola súa vitoria e informalo de que xa deu "instrucións a toda a oficina para preparar un traspaso de mando en orden".

“O Estado de Israel está por riba de calquera consideración política. Deséxolle éxito a Netanyahu, polo ben do pobo de Israel e do Estado de Israel”, sinalou o líder saínte.

A súa formación centrista, Yesh Atid, quedou segunda nos comicios con 24 escanos. Así, o primeiro ministro máis lonxevo da historia de Israel acumulando 15 anos no poder, recupera o cargo que perdeu en xuño de 2021 a mans do denominado "Goberno do cambio" formado por Lapid xunto a sete partidos de todo o arco político.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade