A defensa do home que matou o sobriño en Santiago insiste en alegar problemas neurolóxicos
O TSXG acolleu a vista de apelación contra a sentenza que o condenou a prisión permanente revisable
A defensa mantén que non era consciente dos seus actos e a acusación pide que se ratifique a sentenza
Santiago Cepeda asisitiu á vista de apelación por videoconferencia desde o cárcere de Teixeiro. Alí cumpre a pena de prisión permanente revisable, tras ser condenado por asasinar o seu sobriño de tres anos, en setembro de 2020, na casa familiar de Santiago.
A defensa recorreu a sentenza ante o alto tribunal galego. Mantén que o home, no momento dos feitos, sufriu un brote psicótico e non era consciente dos seus actos. Así, agora agarda que se contemple a eximente completa de responsabilidade criminal.
Pola súa banda, a acusación popular non comparte esa tese da defensa e solicita que se ratifique a sentenza. Entende que da proba practicada non se deduce que o home tivese anuladas por completo as súas facultades intelectivas ou volitivas.
Nunhas semanas o alto tribunal galego dará a coñecer o seu veredicto.