Visita ao Bestarruza, o pesqueiro interceptado na costa de Vigo con 2.300 quilos de coca
Visita ao Bestarruza, o pesqueiro interceptado na costa de Vigo con 2.300 quilos de coca
Cos axentes do GRECO reconstruímos a operación Tauros, en que tamén colaborou a DEA estadounidense
Polo momento hai cinco detidos, supostos representantes da mafia albanesa
Estrados pola cuberta estaban os 84 fardos de cocaína que transportaba o pesqueiro Bestarruza, de pouco máis de doce metros de eslora. Eran 2.300 quilos que recolleran doutro buque, o que traía o cargamento dende a outra beira do Atlántico.
"Acababa de cargar a cocaína", explica o inspector Emilio Rodríguez, xefe da sección Greco Galicia. Cren que poucos minutos antes a arroxara o mar un mercante, para que a recolleran os tripulantes do Bestarruza.
O que non sabían eses tripulantes era que os axentes xa estaban preparados para interceptalos, grazas a unha investigación conxunta coa DEA, a Axencia Antidroga Estadounidense. O Bestarruza diríxase á Coruña e navegaba sen luces.
"O barco vai sen as correspondentes luces obrigatorias, e iso é un dato máis -di Rodríguez- pero xa tiñamos un control sobre o patrón e quen o acompañaba nese momento".
Por iso tiñan establecido un dispositivo por terra, mar e aire, e conseguiron abordar o pesqueiro a unhas 40 millas de Vigo. "Os nosos GEO son especialistas, e a operación foi rápida e sinxela", afirma o xefe dos Greco.
Detiveron os catro tripulantes do Bestarruza, e outra persoa que esperaba pola droga en terra, e que xa fuxira a Madrid. Eran representantes da mafia albanesa, unha das organizacións criminais máis activas e que máis preocupan hoxe.
E iso porque unido á actividade "normal" da organización delitiva, aplican "unha violencia que ata este momento éranos moi allea" conta o inspector. Afirma que estas organizacións do leste de Europa estanse "afianzando por riba doutras organizacións criminais" que había en España, "incluso as colombianas".
Di que non se establecen aquí porque pasan máis desapercibidos en cidades grandes, pero que precisan dos coñecementos dos narcos galegos. Explica que Galicia ten "unha traxectoria e unha herdanza relacionada coa pesca e co contrabando" e que por iso aquí temos "grandes especialistas na pilotaxe de lanchas, grandes coñecedores dunha costa moi complexa, e unha traxectoria de contactos coas organizacións importadoras".
Por iso son barcos coma o Bestarruza os que se encargan de chegar a terra coa droga. As costas galegas son unha das grandes portas de entrada de cocaína, que dende aquí se distribúe -xa por estrada- a toda Europa.