Os empregados do Louvre convocan unha folga polo mal estado do museo
Este domingo sóubose que unha inundación danou unhas 400 obras
O Museo máis visitado do mundo, o Louvre, volve estar no punto de mira.
En outubro uns ladróns roubaban varias pezas da colección de xoias reais.
E este domingo soubemos que unha inundación danou unhas 400 obras.
Este luns os empregados convocaban unha folga partir do día 15 deste mes, entre outras cousas, pola deterioración do museo.
A inundación non se fixo pública ata este domingo. Produciuse por unha fuga de auga procedente dunha tubaxe situada no teito dunha sala. Danou arredor de catrocentas obras e documentos, quedando algúns en estado irrecuperable.
Pertencen á biblioteca de antigüidades exipcias, situada no pavillón Mollien. Son, fundamentalmente, revistas de Exiptoloxía e documentación científica, empregadas por historiadores, investigadores e persoal do museo.
Os operarios que traballaron esa noite puideron cortar a fuga de auga antes de que afectase a unha caixa eléctrica, o que provocaría danos maiores.
Foi unha revista francesa especializada en arte (Tribune de l´Art) a que revelou a información.
Dende o Louvre comunicaron que non hai perdas irremediables, xa que se trata de documentación moi útil, pero non única no mundo. Aseguraron que as pezas danadas seguirán un meticuloso proceso de secado, encadernación e restauración, e despois van volver aos estantes.