Violencia nos campos de fútbol infantís: ameaza cun machete o adestrador do seu fillo porque non o sacou a xogar
Violencia nos campos de fútbol infantís: ameaza cun machete o adestrador do seu fillo porque non o sacou a xogar
Que pasa cos pais nos partidos de fútbol?
Un machete foi o que presuntamente utilizou un home para ameazar o adestrador de fútbol do seu fillo. Sucedeu este domingo nas proximidades dun campo de fútbol en Madrid. Segundo varias testemuñas, o detido mantivo unha forte discusión co adestrador porque non sacara a xogar o seu fillo.
"Sempre hai alguén que insulta, que degrada, que humilla", apunta un señor.
A violencia física e verbal en ámbitos deportivos non é algo ocasional, e en moitos casos son os pais os que provocan as liortas.
"Os pais queren cumprir os seus soños cos seus fillos e ao final o que ocorren son situacións que ninguén quere", lamenta un rapaz.
"Utiliza os fillos, o éxito que poidan conseguir os fillos como o motor para que eles teñan máis valía ou para que eles acaden as expectativas frustradas que non conseguiron no seu momento cando eran novos", explica Jorge Carril, psicólogo deportivo..
Métenlles presión aos fillos como se fosen xogadores profesionais.
"Os pais ao final copian condutas que se realizan no deporte profesional, lévanas ao deporte formativo e pídenlles os mesmos obxectivos aos fillos, o gañar, o ser o mellor, o ser moi competitivo, estar sempre presente no once inicial", continúa o psicólogo.
"O neno ten que ir divertirse e pasalo ben, non a competir con ninguén", opina unha señora
"Van aos partidos como se fose un Madrid-Barça, e ao final é un xogo de nenos e estamos alí todos para pasalo ben", recoñece un rapaz.
Porque as prioridades dos cativos son outras.
"Pasar tempo con rapaces da súa idade e estar nunha contorna onde se ven apreciados e valorados e ver as súas mellorías", conclúe Jorge Carril.
"O respecto é algo moi fundamental e ten que inculcarse dende pequenos, e fundamentalmente é responsabilidade dos pais", opina un mozo.