Vinte e unha futbolistas xogarán contra Suecia e non haberá sanción para as dúas que deixan a convocatoria
Vinte e unha futbolistas xogarán contra Suecia e non haberá sanción para as dúas que deixan a convocatoria
Logo da xuntanza coa RFEF e CSD chegaron a un acordo para encamiñar a situación
As internacionais Mapi León e Patri Guijarro abandonaron esta mañá a concentración tras aducir que non se atopaban mentalmente nas mellores condicións
O presidente do Consello Superior de Deportes, Víctor Francos, anunciou este mércores que un total de 21 xogadoras da selección española de fútbol permanecerán na convocatoria do combinado nacional que viaxará a Estocolmo para enfrontarse a Suecia este venres e que só dúas a abandonarán.
Francos fixo este anuncio ás 4:51 da madrugada, tras unha reunión de máis de sete horas nun hotel de Valencia coas xogadoras da selección e a seleccionadora Montse Tomé para desbloquear a situación coa RFEF tras facer público varias xogadoras a posibilidade de non viaxar.
"Mantivemos diversas reunións coa xogadoras, que foron moi cordiais, nun ton amable e unha vontade construtiva. Falouse dunha serie de acordos que serán redactados pola Federación Española de Fútbol e o CSD mañá, ademais de concretarse a constitución dunha comisión mixta dos acordos que se alcanzaron", dixo Francos.
"As xogadoras mostráronnos a súa preocupación pola necesidade de facer cambios profundos na federación e esta comprometeuse a facelos de forma inmediata", dixo Francos, quen engadiu que a identidade das dúas xogadoras que non viaxarán por vontade propia comunicaraa a federación, á vez que garantiu que a súa ausencia non implica sanción.
As internacionais Mapi León e Patri Guijarro abandonaron esta mañá a concentración da selección española en Oliva, tras aducir que non se atopaban mentalmente nas mellores condicións para afrontar os compromisos da liga de Nacións, que España disputará este venres en Sucia e o martes ante Suíza en Córdoba.