Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vilardevós segue en nivel 2 e hai outros 3 incendios activos en Ponteceso

Vilardevós segue en nivel 2 e hai outros 3 incendios activos en Ponteceso

O de vilardevós é de momento o incendio máis grande en Galicia neste verán, leva queimado 570 hectáreas

Este mediodía, en Ponteceso foi preciso  cortar as estradas DP6801 entre os pk 4- 5, e da estrada AC424 entre os pk 2- 3,5, para facilitar os labores de extinción, ao atoparse medios aéreos traballando na zona

Desaloxadas casas e as praias de Balares e O Osmo por un incendio forestal en Ponteceso

Imaxe dunha zona arrasada polo lume en Vilardevós
G24.gal 03/08/2025 09:58 Última actualización 03/08/2025 21:23

Este domingo en Galicia amenceu con catro incendios activos, pero ao longo do día foron activándose novos focos  na provincia de Ourense, como o de Vilar de Barrio-Rebordechao.

Segundo o último parte que emitiu a Xunta este domingo polo serán, o incendio en Vilardevós é de momento o máis grande en Galicia no que vai de verán. Continúa activo e afecta a unha superficie de arredor de 570 hectáreas. Este lume prendeu este sábado na parroquia de Terroso e a Xunta decidiu decretar a situación nivel 2 como medida preventiva, pola súa proximidade ás casas.

O incendio iniciouse ás 23:04 horas do venres e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 4 técnicos, 33 axentes, 43 brigadas, 32 motobombas, 6 pas, 10 helicópteros e 10 avións. Ademais, por parte da Xunta solicitouse a incorporación aos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Imaxe dun dos incendios de Ponteceso

Activo o incendio de Brantuas, Ponteceso

En Ponteceso hai lume en tres parroquias. O incendio da parroquia de Brantuas, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 140 hectáreas. O lume comezou ás 20:30 horas de onte sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 4 técnicos, 11 axentes, 16 brigadas, 7 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 2 helicópteros e 10 avións.

Estabilizado o lume na parroquia de Cospindo-Ponteceso

Segue activo o incendio forestal do concello coruñés de Ponteceso, parroquia de Cospindo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas. O lume iniciouse ás 16:12 horas de onte e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 11 axentes, 13 brigadas, 10 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 1 avión.

Segundo  informaba a Garda Civil, este mediodía foi preciso  cortar as estradas  DP6801 entre os pk 4-5, e da estrada AC424 entre os pk 2-3,5, para facilitar os labores de extinción, ao atoparse medios aéreos traballando na zona. O corte das estradas mantén illado Corme.

Activo o lume na parroquia da Graña, Ponteceso

Está activo un incendio forestal no concello coruñés de Ponteceso, parroquia da Graña, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 100 hectáreas.

O incendio comezou ás 00:30 horas desta madrugada e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 12 axentes, 14 brigadas, 11 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio e 7 helicópteros. 

Novo foco en Cores, Ponteceso

Ás 13:00 horas tense coñecemento dun novo foco de incendio no lugar de Cores, á altura da Igrexa, no termo municipal de Ponteceso. Medios de extinción presentes: 2 hidroavións, 2 helicópteros, motobombas e varias patrullas forestais.

O quinto incendio detectado no concello de Ponteceso foi no lugar da Mezquita, na parroquia de Nemeño.

 

Extinguido o lume na Cañiza-O Couto

O incendio forestal do municipio pontevedrés da Cañiza, parroquia do Couto, que afecta unha superficie dunhas 300 hectáreas, deuse por extinguido ás 18:22 horas desta tarde.

A situación 2 neste incendio desactivouse ás 12:22 horas do venres, polo que tamén se desmobilizaron os efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, que estiveron colaborando nas tarefas de extinción. 

Neste incendio decretouse, na noite do mércores, o confinamento da poboación de sete núcleos, unha medida preventiva que foi desactivada na mañá do xoves. O aviso, en ambos casos, xerouse por medio do sistema ES-Alert.

O lume iniciouse ás 16:23 horas do mércores en ata cinco puntos diferentes de forma case simultánea, o que apunta unha clara intencionalidade. Finalmente afectou unha superficie de 295 hectáreas, das cales 220 corresponden a monte arborizado e 75 a raso. En total mobilizáronse para a súa extinción 15 técnicos, 46 axentes, 66 brigadas, 43 motobombas, 5 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 10 helicópteros.

Extinguido o incendio de Porto do Son

Quedou extinguido ás 23:15 horas da pasada noite o lume do concello coruñés de Porto do Son, parroquia de Miñortos, que finalmente afectou unhas 28,3 hectáreas de superficie arborada.

Extinguido o lume en Ribeira-Oliveira

Está extinguido desde as 09:36 deste domingo un incendio forestal na localidade coruñesa de Ribeira, parroquia de Olveira, que afectou 0,01 hectáreas dentro do Parque Natural das Dunas de Corrubedo. Mobilizáronse para a súa extinción un total de 1 axente, 1 brigada e 1 motobomba.   

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade