Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vilamartín Pequeno trae de novo o Combo e conta cos Satélites

Vilamartín Pequeno trae de novo o Combo e conta cos Satélites

Unha parroquia de Barreiros con 19 casas contrata algunhas das orquestras de maior caché

Félix Aragunde 21/03/2023 14:00

Vilamartín Pequeno é unha parroquia do interior de Barreiros con apenas medio cento de habitantes en 19 casas. Así e todo, por segundo ano consecutivo celebrará as súas festas patronais con algunhas das orquestras con maior caché de todo o país.

De novo, actuará o Combo Dominicano, que o ano pasado congregou uns 3.000 asistentes, e contará tamén cos Satélites.

"Como o ano pasado saíu a cousa como nós queriamos que saíse, ben, pois este ano volve o Combo Dominicano, e queremos traer tamén Os Satélites, que non puideron vir antes pola pandemia. Decidimos coller as dúas", di o ramista José Antonio Rodríguez.

O orzamento das festas ascende a 24.000 euros. Ademais das achegas dos veciños de Vilamartín Pequeno, a contratación destas grandes orquestras finánciase tamén a través de donativos, de particulares e de empresas, ou mediante a venda de lotería.

"Poñemos a cantina, vendemos lotería e imos por Ribadeo, Trabada e San Cosme por donativos que che dá a xente. E o que gañamos, investímolo, que non nos queda nada no peto, que aínda ás veces temos que pagar nós os convites", explica José Antonio.

A festa de San Xoán Degolado, na que haberá churrasco de balde para os asistentes, celebrarase o 17 de xuño. Será na véspera, o venres 16, cando actúen o Combo e Os Satélites.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade