Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vilagarcía ameaza con cancelar o concerto de Mägo de Oz se non rectifica as súas "frivolizacións" sobre drogas e prostitución

Vilagarcía ameaza con cancelar o concerto de Mägo de Oz se non rectifica as súas "frivolizacións" sobre drogas e prostitución

O Concello pide unha rectificación pública tras as palabras do guitarrista en Asturias

A contratación do evento "non está pechada" e depende dunha resposta do grupo

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 22/07/2025 22:13

O Concello de Vilagarcía de Arousa advertiu á banda Mägo de Oz que cancelará o concerto previsto para o 19 de agosto se non rectifica as "frivolizacións" dun dos seus integrantes sobre as drogas e a prostitución durante unha actuación recente en Asturias.

Nos últimos días, o grupo actuou en Llanera e o seu guitarrista, Víctor de Andrés, non só insultou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, senón que se referiu á trama de Koldo García, José Luis Ábalos e Santos Cerdán coa seguinte expresión: "Deixade de roubarnos, sobre todo a cocaína e as putas".

Tras estas palabras, o goberno local de Vilagarcía informou nun comunicado que se puxo en contacto coa banda para pedir unha rectificación pública e advertirlles de que o proceso de contratación do concerto, baixo a modalidade negociada sen publicidade, "non está pechado" aínda.

O Concello destaca que "por moito que se disfrace de pretendido humor, non se poden admitir frivolizacións sobre as prostitucións ou o consumo de drogas".

O goberno local engade tamén: "Non parece moi oportuno insultar en ningún caso a un presidente do Goberno, se chame como se chame e sexa da cor política que sexa, pero o que non é admisible é que se trate de banalizar ou frivolizar sobre dúas cuestións tan sensibles".

O Concello subliña que, cando valorou contratar a Mägo de Oz para o concerto, o fixo "valorando a súa creación artística e a súa traxectoria", á marxe das ideas políticas ou das dun membro do grupo, "que son libres, gusten ou non".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade