Viaxar de Ferrol a Oviedo en tren é cada vez máis lento e os usuarios piden melloras
Falta de puntualidade, falta de investimentos e un trazado antigo son algunhas das demandas dos usuarios da liña Ferrol-Oviedo de ancho métrico
Temen que o cesamento de Pardo de Vera comprometa as infraestruturas que faltan en Galicia
O primeiro tren da mañá que vai de Ferrol a Oviedo saía con atraso esta mañá. É algo habitual, din os usuarios, e ademais o traxecto dura máis de sete horas, cando en coche leva pouco máis de dúas.
Din os viaxeiros que a finais do século pasado chegábase unha hora antes. Así que poucos son os que elixen este medio de transporte, o tren de vía estreita que o Goberno central prometeu mellorar na cornixa cantábrica.
A saída do Ministerio de Transportes da exsecretaria de Estado de Infraestruturas, a lucense Isabel Pardo de Vera, está provocando reaccións nos usuarios. Temen que agora non haxa a implicación suficiente coas infraestruturas que ten pendentes Galicia.
Os usuarios das liñas de ancho métrico en Galicia reclaman melloras urxentes e máis investimentos, cansos de tanta espera polos novos trens comprometidos.