Publicador de contidos

Vestas prorroga "unilateralmente" ata o luns o período de consultas do ere

Vestas prorroga "unilateralmente" ata o luns o período de consultas do ere

Tanto os traballadores como as administracións demandan unha ampliación ata finais de ano

Unha novena empresa interésase como posible investidor na fábrica de Viveiro
 

G24.gal 05/11/2021 16:22

Vestas decidiu prorrogar ata este luns, 8 de novembro, o período de consultas do ere que afecta a fábrica de Chavín, en Viveiro, cuxo prazo de negociación terminaba este venres.

Tras un novo encontro en Santiago da mesa industrial, o presidente do comité de empresa de Vestas, David Mariño, indicou que a compañía "fixou unilateralmente" que esa prórroga sexa só ata o luns, pero traballadores e administracións coinciden en demandar que a ampliación debe realizarse ata final de ano co obxectivo de que se dea tempo a unha procura de investidores.

Así, apunta que "hai unha postura clara de todos os representantes desta mesa industrial", pois os traballadores están "apoiados" pola Xunta e Goberno central na petición. Pero comité e empresa emprázanse a unha nova reunión que terá lugar o luns en Viveiro, onde os traballadores exporán a necesidade desa ampliación.

Segundo apunta Mariño, a empresa di que "pode manter a actividade laboral para todo o cadro ata final de decembro", polo que "non debería ter ningún problema" en ampliar a negociación. Aínda que "hoxe non deixaron clara a postura" os representantes de Vestas, confía en que "igual poden pensalo".

Por outra banda, a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, informou de que hai un novo posible investidor para a planta, de forma que xa son nove as empresas con interese na compra, aínda que non pode dar "máis datos" ao ser "moi incipiente". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade