Vermú de contos na décima edición do festival Atlántica de narración oral
Levará os contos a 24 concellos galegos ata o día 9 de xullo
Participan narradores dos dous lados do Atlántico
Esta foi unha fin de semana de contos espallados por distintos lugares de Galicia, dentro do festival Atlántica de narración oral, que continúa ao longo dos próximos días.
Asistimos este mediodía ao vermú dos contos, na Estrada. Alí se xuntaron boa parte dos narradores que participan no festival para contárense historias entre si e compartilas con convidados.
Despois de tres días de festival con contos de arrrepío nos cemiterios, mitos, memorias, dragoeiros e biosbardos, este domingo os narradores reuníronse para compartir un bo feixe de historias nun espazo diferente, como contaba a anfitrioa e directora do festival Soledad Felloza.
"Estamos celebrando unha das xornadas que está marcada nos obxectivos do festival, que consiste en levar a cultura tamén aos sitios máis pequenos, neste caso a Riobó, en Barcia. Estamos a recibir os veciños. Estamos no vermú de contos que substitúe dalgunha maneira a gala do teatro en que estabamos os contadores. Así que hoxe cada un dos contadores convidados ao festival vai contar, narrar, cantar... E vai gozar cun vermú na man".
Chega o mestre de cerimonias, colle o seu vermú e dálle paso ao primeiro conto.
"Unha muller de certa idade vai a un bar tomar un cóctel e cando llo traen é así de color verde pistacho..."
Así comeza a historia de Carolina Rueda, para ir abrindo boca. Mentres, outro cociñeiro de contos, zamorano, José Luis "Guti", bota man dunha receita tamén con tradición oral.
"Isto que estou facendo é unha receita mítica dos contos galegos. É a receita que facía Carme a carreirá, a nai de Kiko Cadaval, e é parte dun dos seus famosos contos, o do complexo de Edipo. Entón cando Sole me dixo que lle había que dar de comer a esta xente que fala e que come, dixen: «Carne á carreirá de Ribeira, de Carreira»".
Despois deste entrante, as historias atlánticas, que levan xa dez anos de singraduras no festival, continúan desde martes ata sábado por distintos lugares de Galicia.