Verín rexistra a temperatura mínima de Galicia: -6,6º
A néboa dá paso ás xeadas na provincia de Ourense
O inverno tardou en chegar, deixounos despedir o ano con temperaturas máis propias da primavera, pero xa nesta segunda semana chegou o frío intenso e as xeadas nocturnas que fan caer os termómetros por debaixo de cero, sobre todo no interior.
"Moita xeada. Estás estendendo a roupa e estase conxelando". "Esperemos que veñan máis, porque estaba facendo demasiado calor", comentan dous veciños da comarca de Monterrei.
Case sete graos baixo cero rexistrou Verín cando xa eran as nove da mañá. A temperatura máis baixa de Galicia, seguida por outros habituais: Lalín, Xinzo de Limia e Calvos de Randín.
A cidade de Ourense tampouco quedou atrás. Case dous graos baixo cero de madrugada, dos que daban testemuño os parabrisas conxelados dos coches que durmiron fóra.
Previsión
As previsións meteorolóxicas indican que a situación seguirá igual ata o sábado. Para o domingo agárdase un lixeiro ascenso das temperaturas.