Veciños de Vilagarcía din vivir atemorizados polos inquilinos dunha vivenda ocupada
Esta madrugada a policía interviu logo dunha liorta entre os inquilinos da vivenda
Desesperados é como se senten os veciños da rúa Os Duráns en Vilagarcía polo ambiente insán e inseguro que se xerou no barrio desde que un grupo de persoas se instalou nunha vivenda deshabitada. Aseguran que se dedican a traficar con drogas, as pelexas son habituais e que xeran sucidade e malestar.
Esta mesma noite a Policía Nacional interviu nunha liorta. Os veciños esixen unha solución antes de que se produza unha desgraza.
Os veciños gravaron esa ultima intervención policial tras pelexar os inquilinos da vivenda ocupada. Levaron un patinete eléctrico, un can e un dos individuos foi trasladado a comisaría.
Esta mañá os axentes volveron á zona e identificaron algunhas das persoas que estaban na casa. O número 4 da rúa Duráns é un ir e vir constante de xente e de problemas para a convivencia e a veciñanza.
A casa, en estado ruinoso, leva anos sendo ocupada e o ambiente é cada vez máis conflitivo. Os veciños urxen unha solución que pasa, segundo din, porque o propietario tome medidas.
Ao carón hai outras casas deshabitadas e os veciños temen que tamén poidan ser ocupadas e o ambiente se deteriore aínda máis.