Veciños de Vigo gáñanlle a batalla á Sareb
Os veciños da Privada Moderna loitaban coa Sareb para que lles rehabilitase as casas
Venceron nos xulgados despois dunha década de loita veciñal e este mércores comezou a reforma
Esta será unha semana histórica na Privada Moderna, en Vigo. O domingo Carmen cumpre 90 anos. Será xunto aos seus veciños de sempre e felices de ver que a rehabilitación das súas vivendas está cada vez máis preto.
Detrás desta felicidade está unha decada de loita contra a Sareb, propietaria das vivendas nas que residen.
"Eu levo 55 anos aquí. Teño unha casa, estou pagando por ela e quero estar aquí porque é onde teño todos os meus recordos" explica Carmen.
"É unha alegría porque eu comecei nesta casa toda a miña vida, aquí naceron todos os meus fillos e non temos porqué marchar da noite á mañá. Decidimos quedar e loitar e aquí estamos" di Conchi, outra das veciñas afectadas.
A Sareb non atendeu as necesidades de reforma das casas aínda habitadas coa pretensión de que os inquilinos as abandonaran. Os veciños aseguran que a presión psicolóxica foi moita. Pelexaban cun xigante, comparado con eles, pero gañaron. A Xustiza deulles a razón e a execución da sentenza tradúcese por fin estes días no comezo das obras de rehabilitación.
"Por mandato xudicial terán que reformalas de xeito integral. Van poñer 42 vivendas a disposición da xente, nós quixeramos que non se especulara máis con ela e que se creara un parque de vivenda pública", di Mariano, un dos veciños afectados.
Catorce veciños resistíronse a abandonar seis vivendas na Privada Moderna, a súa loita, en familia, está a dar por fin os seus froitos.