A veciñanza pon fin pola forza a unha ocupación ilegal en Salcedo (Pontevedra)
Un home levaba vivindo dende mediados de xullo nunha casa propiedade dun ancián que está internado nunha residencia
Durante o forcexo varias persoas quedaron feridas antes de que lograran reducir o home, que foi detido pola policía
A mediados do pasado mes de xullo un home entrou sen permiso do dono nunha vivenda de dous andares no lugar da Carballeira, propiedade dun ancián que non vive nela porque está internado nunha residencia. Foi o veciño de enfronte quen se decatou da ocupación ilegal.
"Un día atopei o home dentro da casa e había unha patrulla da policía local. Díxenlles que esa casa non era del e que entrara alí forzando o cadeado", comenta Enrique Juncal, veciño que vive xusto enfronte da casa ocupada e que tomou a iniciativa de mobilizar a veciñanza para expulsar o ocupante.
A pesar das autoridades ter coñecemento da intromisión non permitida na propiedade, o home mantívose durante todo este tempo no interior da vivenda. Estragou as pertenzas dos donos e causaba trastornos á veciñanza.
"Comezou a haber movementos raros e moito tráfico de coches e persoas ás tantas da mañá. Decatámonos de que aquela non era unha ocupación por necesidade, senón para facer negocio", relata Enrique.
Non foi ata este pasado venres, cando os veciños decidiron actuar. Aproveitando a ausencia momentánea do ocupante, tomaron posesión da casa. Xuntáranse no lugar unhas trescentas persoas convocadas a través das redes sociais.
Pero a acción derivou nun enfrontamento violento co home, no que quedaron feridas varias persoas.
"Vimos o portal aberto e as persoas que alí estabamos decidimos entrar e tomar posesión da casa. Pero nisto que aparece o ocupante cun enorme pau na man, disposto a darlle a quen atopara por diante. De feito a un veciño golpeouno no nariz e causoulle unha ferida importante", conta Enrique.
"É moi violento, corpulento e agresivo. Tivemos que reducilo entre varios e tivémolo uns corenta minutos apreixado contra o chan ata que viu a policía", segundo relata unha moza que participou na acción veciñal.
O ocupante foi detido, acusado de lesións e de invasión de propiedade, situada na parroquia pontevedresa de Salcedo. Con todo, a veciñanza teme que a situación volva repetirse e manteñen a alerta.
"O home está detido, pero non sabemos aínda que vai pasar con el. Nós seguimos en garda, para que non volva suceder o mesmo e tamén dar apoio ao veciño (Enrique) que tomou a iniciativa, para que non estea el só. Xa a propia policía nos di que teñamos coidado", asegura Ramón Laxe, presidente da Asociación de Veciños de Salcedo.
O ocupante, coñecido na zona, agarda dende o venres nas dependencias policiais a ser posto á disposición xudicial.