Veciños da Estrada piden a reforma integral da vía que os une coa Ponte Ulla
Denuncian abandono e inseguridade viaria na PO-213 e quéixanse de que a calzada é estreita e soporta moito tráfico pesado
Hai anos que os veciños da Estrada denuncian o abandono da calzada que os une coa Ponte Ulla. Transitar por ela, din, é unha operación de risco, tanto para os coches como para os peóns.
Ademais, a existencia dunha areeira na zona e os erros de cálculo dos GPS, meten por esta vía camións de gran tonelaxe. Nos pasos mais estreitos a circulación complícase, e faise especialmente perigosa.
Malia que existe un anteproxecto para reformar esta estrada de titularidade autonómica, os veciños din que non hai tempo para agardar.
Queren conducir pero tamén camiñar con seguridade a carón desta estrada, reclamando beiravías e beirarrúas polos núcleos de poboación que atravesa. Algo que, din, melloraría tamén a calidade de vida nestas parroquias rurais da Estrada.