Publicador de contidos

Publicador de contidos

O atropelo múltiple nun festival de Vancouver deixa once persoas falecidas

O atropelo múltiple nun festival de Vancouver deixa once persoas falecidas

O condutor do coche, un veciño da cidade de 30 anos, foi arrestado no lugar

A Policía descarta a motivación terrorista e sinala que o suposto autor sofre problemas mentais

As forzas de seguridade traballan no lugar dos feitos. REUTERS/Chris Helgren
G24.gal 27/04/2025 08:53 Última actualización 27/04/2025 20:51

As forzas de seguridade canadenses elevaron a once o número de vítimas mortais causadas por un home que atropelou decenas de persoas na cidade de Vancouver, ao oeste do Canadá.

Foi á última hora do sábado nunha rúa onde se celebraba un festival da comunidade filipina, coñecido como Lapu Lapu. O condutor, un veciño da cidade de 30 anos, foi arrestado no lugar.

O xefe provisional daPolicía de Vancouver, Steve Rai, asegurou nunha conferencia de prensa que a cifra de falecementos podería aumentar nas vindeiras horas porque o ataque deixou decenas de persoas feridas, moitas delas de gravidade. 

"É o día máis tenebroso da historia da nosa cidade, cando miles de integrantes da comunidade filipina de Vancouver se reunían para unha importante celebración cultural. Unha soa persoa fixo pedazos o noso sentido colectivo de seguridade", declarou.

Problemas mentais

Segundo confirmou, o presunto autor do masacre é un individuo "coñecido" pola Policía que sofre problemas mentais.

"Podo dicir que a persoa en custodia ten un significativo historial de interaccións coa Policía e profesionais relacionados coa saúde mental. Non podo identificar publicamente á persoa que temos en custodia porque os cargos aínda non foron presentados", declarou.

Tamén descartou que fora un acto terrorista porque "non hai indicadores de que este individuo tivese ideas relixiosas ou políticas" e polo seu historial.

Os servizos de emerxencia e a Policía no lugar do atropelo. REUTERS/Jennifer Gauthier Os servizos de emerxencia e a Policía no lugar do atropelo. REUTERS/Jennifer Gauthier

Relato policial

O relato policial sinala que o incidente se iniciou á 20:14 horas nunha concorrida rúa da cidade nos momentos finais do festival cando aínda había decenas de miles de persoas.

O condutor do vehículo, un SUV negro da marca Audi, entrou nunha área pechada na que había unha multitude e acelerou arrasando os transeúntes.

Un día antes das eleccións

Este domingo, o último día da campaña das eleccións lexislativas que O Canadá celebra este luns, o Primeiro Ministro, Mark Carney, descartou que exista "unha ameaza activa" sobre a poboación.

"Estou conmocionado, devastado", dixo tras cancelar un acto electoral en Vancouver.

Outros líderes políticos tamén cancelaron actos electorais que tiñan previstos para este domingo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade