Publicador de contidos

Publicador de contidos

Varias zonas de Galicia estarán este domingo en alerta máxima por altas temperaturas

Varias zonas de Galicia estarán este domingo en alerta máxima por altas temperaturas

A Xunta activou a alerta vermella no centro de Lugo, lugares de montaña desta provincia e da de Ourense e en localidades do interior de Pontevedra

Este episodio de altas temperaturas coincide coa chegada do verán

EFE/ Salas EFE/ Salas
G24.gal 20/06/2026 19:16 Última actualización 20/06/2026 19:55

A Xunta de Galicia informou de que este domingo activarase o nivel vermello de alerta por altas temperaturas, o máximo existente e equivalente a un risco extremo, en varias zonas da comunidade.

En concreto, segundo detalla a administración autonómica , aplicarase en áreas do interior da Coruña, o centro de Lugo, lugares de montaña desta provincia e da de Ourense e en localidades do interior de Pontevedra.

Segundo as predicións existentes, superaranse os 34 graos en boa parte do territorio da comunidade, con excepción do litoral, e rozaranse os 40 en zonas do sur de Lugo e ao redor da cidade de Ourense.

Por mor da alerta polas condicións meteorolóxicas quedará suspendida a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior entre as doce do mediodía e as oito da tarde.

Nos municipios costeiros, as actividades náuticas ou acuáticas non se verán afectadas por estas restricións, aínda en caso de alerta laranxa; mentres que nos de interior estarán permitidas, pero recoméndase non realizalas nas horas centrais do día.

Alén dos lugares nos que estará activa a alerta máxima, haberá zonas do noroeste da Coruña, do sur de Lugo e de Valdeorras en nivel dous, laranxa; e A Mariña, o centro de Lugo, o noroeste de Ourense, o val fluvial do Miño e a parte meridional desta última provincia permanecerán no un, amarelo.

Este episodio de altas temperaturas, coincidente coa chegada do verán, é debido ás altas presións situadas ao norte da Península Ibérica que provocaron a chegada dunha masa de aire moi cálido desde o norte de África.

A previsión é que os seus efectos se fagan notar ata o vindeiro mércores, polo que a Xunta chama á prevención e a seguir as recomendacións existentes para evitar posibles efectos adversos sobre a saúde.

Os principais grupos de risco nestas situacións son as persoas maiores de 65 anos, menores de catro e, especialmente, as menores dun ano; así como as que padecen patoloxías crónicas, cardiovasculares, pulmonares ou similares.

Entre os consellos da administración autonómica están a hidratación constante, evitar as bebidas quentes e as comidas copiosas, aumentar o consumo de verduras e froitas, empregar roupa con tecidos naturais, utilizar protección como chapeus, lentes de sol e crema protectora ou permanecer en espazos ventilados ou acondicionados. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade