A Xunta desactiva as alertas por calor logo de dúas xornadas abafantes
As temperaturas seguen a ser elevadas pero volven aos valores habituais para esta época do ano
A Coruña superou este sábado os 35 graos, a súa marca histórica nun mes de xuño
A praia de Samil ateigada este sábado
A Xunta desactivou este domingo as alertas por episodio de calor que establecera dentro do seu Plan de actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde.
Segundo os datos de MeteoSalud e Meteogalicia, as temperaturas, aínda sendo altas, volven a valores habituais para esta época do ano, explica a administración autonómica.
O pasado venres activouse unha alerta vermella por calor no interior da provincia de Pontevedra con temperaturas próximas aos 35 graos, e laranxa nas zonas do noroeste e do interior da Coruña.
O sábado, a alerta pasou a laranxa na provincia de Pontevedra e mantívose nese nivel nas zonas isoclimáticas do interior da Coruña, mentres que ao oeste e suroeste desa provincia decretouse o nivel amarelo.