O ocio nocturno adiántase coa moda do "tardeo" nun ambiente máis tranquilo
Comeza sobre as seis da tarde, non hai que trasnoitar e ofrece música en directo
A opción do tardeo gaña cada vez máis seguidores, sobre todo, entre os millennials. Comeza sobre as seis da tarde, non hai que trasnoitar e enriba hai música en directo.
Onde quedan aquelas xoldras que comezaban pasadas as once da noite e remataban xa coa luz do día ben entrada.
Para varias xeracións, ata que chegou a pandemia, o ocio estaba reservado á noite do sábado e o domingo non era día hábil polo menos ata a hora de xantar, ata que chegou o tardeo.
Pero os hábitos mudaron, e cada vez hai máis xente que non quere sacrificar toda a fin de semana por unha noite de festa así que a solución foi adiantar as copas e a música nun ambiente máis relaxado.
É certo que a luz do día rouba algo do misterio que tiña a noite, pero de portas para dentro non se sabe se son as sete da tarde ou as tres da mañá.