Galicia afronta unha fin de semana de calor que disparará os termómetros ata os 38 graos
As temperaturas seguirán subindo, e agárdanse máximas de 43 graos en Ourense a semana que vén
Bañista refrescándose no río Miño en Ourense (TVG)
Galicia afronta unha fin de semana marcada pola calor, cunha subida das temperaturas xeneralizada que incidirá especialmente no interior e disparará os termómetros ata os 38 graos en cidades como Ourense.
Este venres, os galegos sentirán certo alivio térmico pola chegada dunha masa de aire atlántica máis fresca, que moderará as temperaturas especialmente no litoral atlántico, segundo recolle o prognóstico de MeteoGalicia.
Pero o alivio non durará moito, xa que se espera unha nova subida de temperaturas a partir do sábado que se prolongará mesmo a próxima semana, debido á entrada dunha masa de aire moi cálido desde latitudes inferiores.
O ambiente húmido no litoral e o aire frío en altura provocarán néboas e nubes baixas á primeira hora en zonas do interior e o litoral, e pola tarde espéranse chubascos localmente tormentosos.
As máximas ascenderán na metade oeste, e Meteogalicia emitiu un aviso amarelo -risco para actividades concretas- durante a tarde no sur de Lugo e o Miño de Ourense por temperaturas máximas superiores aos 36 graos.
Ourense alcanzará os 36 graos e, en canto ao resto de cidades, as máximas serán de 31 graos en Santiago, 30 en Lugo e Ferrol, 29 en Pontevedra, 27 en Vigo e 24 na Coruña.
A calor intensificarase o domingo, cando tamén se esperan néboas no litoral norte e zonas do interior e chubascos tormentosos co transcurso do día.
Os termómetros seguirán en ascenso, novamente con valores por encima dos 35 graos nos vales do Miño e do Sil.
Ourense alcanzará os 38 graos de máxima e Lugo os 35, Santiago chegará a 33, Ferrol e Pontevedra a 30, Vigo a 28 e A Coruña a 25.
Máis calor a próxima semana
Para a próxima semana MeteoGalicia sinala que a situación meteorolóxica seguirá marcada pola entrada de aire moi cálido que deixará temperaturas moi elevadas tanto polo día como pola noite, con rexistros moi por encima do agardado para esta época do ano.
Se se observa a predición da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), que ofrece temperaturas a máis longo prazo, o martes será o día máis caloroso con máximas de 43 graos en Ourense, e as mínimas non baixarán de 22.
Santiago chegará aos 40 graos ese día e non baixará dos 20 pola noite; Lugo aos 39, con 21 de mínima; Pontevedra marcará 38 graos de máxima e 22 de mínima, e Vigo alcanzará os 36 graos de máxima e 22 de mínima.
En Ferrol a máxima será de 35 e a mínima de 18, e as temperaturas máis moderadas estarán na Coruña, con 29 de máxima e 20 de mínima.
A probabilidade de precipitación a próxima semana será baixa en xeral, aínda que non se pode descartar algún chuvasco illado e ocasional de carácter tormentoso.