Os bebés, os maiores e os doentes crónicos son os máis vulnerables á calor
Tres medidas son imprecindibles ante o aumento das temperaturas: hidratarse, protexerse e refrescarse
Debemos atender aos síntomas de fatiga e temperatura que aparecen antes de sufrir un golpe de calor
Cada ano as recomendacións xerais ante os episodios de calor repítense porque, aínda estando advertidos, a miúdo arriscamos nestes días de temperaturas altas.
Está constatado que moitas enfermidades crónicas empeoran nestas condicións polo que é fundamental extremar as precaucións e non expoñerse ao sol nas horas centrais do día.
Desde a Consellería de Sanidade insisten en tomar precaucións ante este episodio de calor, e vixiar particularmente os grupos de risco: bebés, anciáns e enfermos crónicos, atendendo a tres medidas.
"O máis importante é hidratarse, o seguinte é protexerse, estar á sombra ou tapar a cabeza con gorros, e a terceira recomendación é refrescarse", explica Inés Mato Naveira, subdirectora xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria.
Tanto por traballo como por ocio, días de temperaturas altas como os que estamos vivindo poden causar síntomas de fatiga, sobre todo cando estamos facendo esforzo físico.
"As horas do mediodía e primeira hora da tarde deben evitarse porque non estamos afeitos a unhas temperaturas tan altas. Se temos que practicar deporte nesas horas temos que ser conscientes de que vai moita calor, baixarlle ao ritmo e hidratarse máis", asegura o preparador físico, Amador Pumariño,
Tamén debemos ser conscientes do dano solar na nosa pel.
"Se algún tempo hai no ano para usar roupa clara é agora, porque refugan o sol. É importante que sexan de manga longa e tamén pantalón longo para evitar picaduras de insectos e queimaduras", di o dermatólogo Emilio del Río
Fundamentalmente debemos evitar situacións extremas que poden derivar nun golpe de calor.
"Identifícase porque hai convulsións, desmaios, a temperatura sobe moito, ao redor de 40 graos. Nese caso hai que sacar a persoa do lugar onde se atope e intentar baixarlle a temperatura mentres non veñen os servizos sanitarios. Non se lle debería dar de beber ao paciente porque a rehidratación ten que ser con soro", explica Inés Mato Naveira, subdirectora xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria.
Estas recomendacións serven xa para todo o verán.