Detido un home por tres agresións sexuais cometidas no mesmo día no Milladoiro
O home, de 45 anos, desprazouse desde a provincia de Pontevedra para cometer os delitos
A Garda Civil do Posto Principal de Milladoiro-Ames detivo un home, de 45 anos, veciño da localidade pontevedresa de Silleda como presunto autor de tres delitos de agresión sexual realizados no mesmo día no núcleo urbano do Milladoiro.
Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado, a investigación comezou en maio tras unha denuncia presentada por unha das vítimas, que foi abordada de forma sorpresiva e intimidatoria no portal da súa vivenda polo agora detido co fin de índole sexual. A vítima conseguiu soltarse do agresor e fuxir do lugar para solicitar auxilio e poñerse a resgardo.
Os axentes, tras as primeiras indagacións e a descrición física achegada, determinaron que o agresor repetiu o mesmo patrón delituoso no municipio ese mesmo día en, polo menos, outras dúas ocasións máis. En todos os casos, o autor aproveitaba situacións de baixa visibilidade na vía pública e a total falta de vinculación previa coas mozas.
Os axentes pescudaron que o sospeitoso se desprazou expresamente desde outra provincia para cometer as agresións e, tras iso, regresaba ao seu domicilio. A operación, denominada Millastalker, finalizou coa localización e detención do implicado no concello de Silleda, ao que lle imputan tres delitos de agresión sexual.
A Garda Civil remitiu os datos e o modus operandi acreditados nesta actuación ao resto de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, co obxectivo de cruzar información e colaborar de forma activa no esclarecemento doutros posibles feitos delituosos de idéntica natureza que puidesen quedar rexistrados no territorio nacional. As dilixencias instruídas foron postas á disposición do Xulgado de Instrución de Guardia de Santiago de Compostela.