Publicador de contidos

Publicador de contidos

Varias semanas para retirar as luces de Nadal nas casas con máis decoración exterior

Varias semanas para retirar as luces de Nadal nas casas con máis decoración exterior

Entre a montaxe, o mantemento e a recollida dos adornos, dedican un trimestre ao ano a engalanar os seus fogares para as festas

Un veciño de Outeiro de Rei retira o letreiro xigante para lle dar a benvida ao novo ano
Félix Aragunde 07/01/2026 20:45

Durante máis dun mes, luciron no exterior das casas decoradas cunha maior profusión, pero agora toca o labor menos grato de recollelos. Son os adornos de nadal, que nalgúns fogares adoitan elevar á súa máxima expresión. É o caso de varias vivendas da parroquia de Sobrada, en Outeiro de Rei, onde prevén acabar de desmontar todo este belén dentro de, como mínimo, dúas semanas.

"Só montalo lévame mes e medio, pero coas figuras xa empezo nos meses de xullo e agosto. E agora, para desmontalo, polo menos quince días. E que veña bo tempo", sinala Manuel Cobas, todo un artesán das luces de Nadal. 

"Gardar pouco a pouco as cousas. Deixalas secar e gardar en caixas cada unha no seu sitio. Porque, se non, para o ano estráganse e entón non valen. Dá moito traballo, pero é o que queda", engade a súa veciña Cris Lago, que tamén adorna a casa con milleiros de luces. 

O tempo que tarden en recoller toda a decoración de Nadal dependerá, polo tanto, da meteoroloxía. Unha vez desmontada, permanecerá gardada non máis de nove meses.

"Isto vai estar todo gardado ata mediados de outubro ou así. Teño aí un sitio xa reservado", indica Manuel Cobas. 

"Nos momentos libres á volta do traballo aproveitamos para facelo. E, claro, lévanos algo máis de tempo. Se non é pola mañá, é pola tarde, e así", agrega Cris Lago. 

Entre a montaxe, o mantemento e a recollida dos adornos, estas familias dedican polo menos un trimestre ano a decorar as súas casas. E, como recompensa, reciben a visita de milleiros de persoas.

"Todos os días en cantidade. Incluso me veu unha excursión de aló de Lalín", exclama Manuel. 

Coma estas casas da comarca de Lugo, moitas outras repartidas por toda a xeografía galega comparten a afección por unha decoración de nadal profusa e visible dende ben lonxe.

Visitantes ollan as luces de Nadal noutra casa na parroquia outeirá de Sobrada Visitantes ollan as luces de Nadal noutra casa na parroquia outeirá de Sobrada
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar