Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comezan semanas de traballo para desmontar as luces e os adornos de Nadal de Vigo

Comezan semanas de traballo para desmontar as luces e os adornos de Nadal de Vigo

Malia que as festas xa remataron, hai zonas onde o tráfico segue interrompido

O alcalde asegura que este ano se reduciron as molestias aos veciños do centro

G24.gal 14/01/2026 15:26

Papá Noel empezou a mudanza en Vigo. Despois de cincuenta e oito días, a cidade apagou as luces de Nadal e comezou a desmontaxe da decoración, que esta temporada chegou a 460 rúas e espazos públicos.

Pero o traballo non acaba aquí, nin moito menos. Agora quedan por diante semanas para retirar todos os adornos, igual que leva semanas, meses en realidade, colocalos.

Por iso, no centro de Vigo continúan cortadas ao tráfico algunhas rúas e aínda hai elementos que interrompen a circulación en varios puntos. Eses, como a nora, son os primeiros que se están desarmando.

"Un problema que se mantén durante moito tempo é o do transporte público. Vigo xa ten un problema de transporte público. Cámbiannos as rutas e os autobuses non poden chegar cos horarios e as frecuencias que teñen comprometidos", explica Álvaro Herrera, da asociación de veciños Zona Centro.

"Non hai dereito a que o Nadal dure dende o un de novembro ata trinta de xaneiro. Non pasa en ningunha cidade isto", quéixase unha veciña da praza de Compostela.

Tralas queixas dos veciños do centro, que levaron o asunto aos tribunais, o Concello prometera que este Nadal habería menos ruído. Para iso, limitouse o horario das atraccións. Tamén se reduciu a música ambiental que soaba nesa zona.

"Funcionou moi ben o Nadal este ano. Funcionou na diminución das incomodidades; no mellor funcionamento do tráfico; na distribución do Nadal por toda a cidade...", asegura o alcalde, Abel Caballero.

"Este ano foi máis calmo, bastante mellor. Pero de todos os xeitos pensamos que esta nora non debería estar aquí", valora unha parella de residentes do centro.

"Eu vivo xusto diante da nora e todos os anos marcho á casa da praia porque aquí non podo estar", conta outra muller.

Mentres, na zona cero seguen desviados os autobuses. Os negocios volven á normalidade despois de semanas de moitísimo traballo, sobre todo no sector da hostalaría. Son varios os que contratan traballadores de reforzo para o Nadal.

"Si, contratamos un pouco máis de xente, só por esa temporada. E agora que volvemos á normalidade xa somos o mesmo cadro de persoal", explica Sheila Cambar, da cafetaría-pastelaría El Molino.

Segundo o Concello, o Nadal enche os hoteis de Vigo. O Goberno local cifra nun 75 % a ocupación en decembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade