Valado o perímetro de tres casas no centro de Lugo polo seu estado ruinoso
Representan un perigo para a seguridade pública
O estado ruinoso de tres ou catro casas na rúa Paxariños de Lugo obrigou a Polícia Local a instalar un cordón de protección para garantir a seguridade dos viandantes.
Os edificios en estado ruinoso son uns dos principais problemas urbanísticos das cidades. E Lugo non é unha excepción. Catro casas da rúa Paxariños corren risco de derrubarse, polo que houbo que crear un perímetro de protección para evitar que alguén resulte ferido.
Levan décadas abandonados. De feito o Concello xa iniciara un expediente de ruína a comezos deste século. Pero procesos administrativos e recursos xudiciais demoraron o inicio de calquera intervención. E en todo ese tempo a deterioración dos inmobles foi a máis.
Así as cousas o Concello decidiu restrinxir o tránsito de persoas pola beirarrúa. A Concellería de Urbanismo de Lugo retomou o proceso e é case seguro que tres dos edificios sexan declarados ruína técnica, o que suporá orde de demolición. Hai dúbidas sobre o cuarto, que ata hai uns anos aínda funcionaba como obrador dunha panadería.