Uns 60.000 menores de once anos xa recibiron a primeira dose en Galicia
A Xunta fala dun proceso modélico cunha participación do 90 % dos menores convocados
A vacinación infantil arrincou esta semana e en escasos días, ata este sábado, a previsión era que recibiran a primeira dose uns 60.000 menores: todos os de 11 e 10 anos e a metade dos de 9. O propio presidente da Xunta sinalaba hoxe que a semana vindeira serán vacinados todos os de nove que queden pendentes. Ademais, apuntou que entre o 4 e 5 de xaneiro comezará a vacinación dos primeiros 36.000 cativos de entre cinco e oito anos
Todo co obxectivo de lograr o 85 % de menores de doce anos coa primeira dose inoculada para a volta ao curso escolar:
"Podemos falar desa porcentaxe, que onte dicía o presidente, do 85% de nenos do grupo de 5-11 anos que estean vacinados na primeira semana de xaneiro, o cal nos permitiría unha volta ao inicio do curso escolar no 2022 cunha porcentaxe moi alta de nenos vacinados", sinala o conselleiro de Sanidade, García Comesaña.
Desde a Xunta salientan que a resposta das familias é irreprochable, tendo en conta que non só se están protexendo os nenos, senón tamén as persoas maiores que interactúan con eles.
"Creo que é un proceso modélico en Galicia. Practicamente o 90% dos nenos están vindo para vacinarse coas súas familias. É un exercicio de responsabilidade e creo que é a mellor garantía que temos", declaraba este sábado o titular de Educación, Román Rodríguez.
O obxectivo é frear a escalada de contaxios e de peche de aulas educativas, que afectan basicamente a menores de 12 anos. Pola contra, por enriba desa idade, os 12, o impacto da covid no ensino resulta case residual.