Publicador de contidos
Publicador de contidos

Disparan perdigóns desde un coche contra unha cadela ás portas da casa en Santa Comba

Disparan perdigóns desde un coche contra unha cadela ás portas da casa en Santa Comba

Un coche parou de madrugada, chamou pola cadela e disparoulle a curta distancia

A Garda Civil recibiu denuncia polo sucedido e investiga os feitos

 

G24.gal 05/09/2023 14:05

Simba é unha cadela que aínda non fixo dous anos, pero xa coñece a peor cara do ser humano. Na madrugada do mércores pasado recibiu un disparo a poucos metros de distancia que lle deixou o corpo cheo de perdigóns. E todo aconteceu diante das cortes da casa dos seus donos no lugar de Salgueiroas, en Santa Comba.

José Antonio Martínez, o dono, explicaba o que lle contaron a muller e a filla  que presenciaron os feitos "un coche parou aí en liña da corte, chamaron pola cadela, un asubío baixiño, e ao momento elas sentiron o disparo. Xa viron que non era normal porque ás dúas e media tres menos cuarto da mañá, isto aquí non pasa". 

Cando chegaron á altura da cadela atopárona tirada e laiándose. No lugar onde lle dispararon aínda hai rastro dos impactos dos perdigóns no peche metálico. E onde aínda se deixa sentir a agresión é nas feridas da cadela, que está aínda en tratamento pola cantidade de perdigóns que ten no corpo. 

Así o explica Mar Carracedo, a veterinaria que a atendeu: "Ten perdigóns como douscentos en todo o que é cabeza, extremidades dianteiras e corpo, pola traxectoria vese que o disparo foi de fronte á cadela".

Aínda ten secuelas, explica o seu dono: "Recupérase pouco a pouco, ten un ollo que a ver se lle queda ben, coxea bastante e comer xa vai comendo algo agora".

Se os perdigóns levasen máis forza poderían ferila de morte. Na clínica deron a voz de alarma entre os clientes, aínda que non lles constan máis casos. Os donos viven coa incerteza de saber por que lles pasou a eles. "Pregúntome eu, se alguén ten algo que mo diga, pero tirarlle así a un can, non é normal", dicía José Antonio Martínez, o dono.

Xa interpuxeron denuncia polo sucedido e a Garda Civil investiga os feitos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade