Uns veciños de Arteixo reciben protestas anónimas polo canto dun galo
Uns veciños de Arteixo reciben protestas anónimas polo canto dun galo
O dono do animal denuncia que lle petan na porta e recibe berros dende a rúa
O galo en Arteixo ten tradición e cada Nadal celébrase unha feira dedicada a esta ave. Pero hai un en concreto que se tornou viral estes días. O seu canto vespertino non deixa durmir a algún veciño que envía anónimos e increpa a berros de madrugada os propietarios do animal.
O galo da discordia, coma todos os da súa especie, canta cando se achegan as primeiras luces do día.
"Hoxe cantou ás sete, pero o primeiro canto que lle escoitan é arredor das seis da mañá", di o seu dono León Santamaría.
Vive nunha casa do barrio da Baiuca. Unha zona primitivamente rural onde se foron construíndo edificios. E nun deses inmobles vive algún veciño ao que incomoda o canto do galo.
"Eu durmo a escasos metros e non me desperta ningún día", di León.
O veciño, moi molesto con este espertador non solicitado, deixoulles un anónimo na porta en que se queixa de que o canto se escoita máis no edificio que na rúa e di que xa basta de galo. Antes de recibir esta misiva, León tiña tres galos.
"Ao recibir a nota, collín medo e matei os dous máis grandes".
Pero as protestas continúan. Pétanlle na porta e reciben berros dende a rúa. Cambiaron o timbre por un videoporteiro por se poden identificar a persoa das queixas anónimas, e están decididos a manter o galo no curral.