Unha volta pola Feira Celta de Vilagarcía
Durante cinco días ofreceu espectáculos de danza, música, xogos infantís, espazos gastronómicos e artesanía
Remata este domingo a Feira Celta de Vilagarcía, que desde o mércores formou parte das celebracións de Santa Rita, con espectáculos de danza, música, xogos infantís, espazos gastronómicos e de artesanía.
Os feirantes amosáronse satisfeitos coa afluencia destes días e esta mañá continuaron as vendas.
O parque da Xunqueira converteuse estes días nun mercado artesán con enfeite celta e espectáculos de rúa e con feirantes máis satisfeitos da afluencia ca das vendas.
"A min estame indo moi ben, case acabei os licores. Son consciente de que traio unha calidade 100 % artesá e o bo produto case se vende só".
"Está indo ben, con afluencia, pero as vendas son frouxas. Imos ver como vai hoxe".
Chegado o mediodía, o porco ao espeto, aínda que non sexa celta, chama polos paseantes. Pode botar dez horas ao lume, pero vano sacando a demanda.
"A xente está animada. Temos un porco enteiro que é a especialidade da casa. Vendémolo nun pan, feito de xeito artesanal e a carne quitámola a capas, pasámola na prancha e botámoslle un prebe secreto da avoa. Está moi bo e poñémolo nun prato con patacas, no pan ou nunha torta de trigo".
Ata as once e media da noite estará aberta esta feira, con máis música pola tarde e xogos infantís tradicionais.