Unha tenda intelixente para os deportivistas
Sérvese da IA para mellorar a experiencia de compra dos afeccionados
A DéporTenda sabe canta xente entra, como se move e que lle interesa
As cámaras desta tenda non soamente vixían, tamén captan os movementos de cada cliente. Están dotadas dunha tecnoloxía que se vale da intelixencia artificial para entender e predicir as preferencias dos compradores.
"Permiten poder aprender do uso do espazo co obxectivo de poder ofrecer logo a todas as persoas que visiten a tenda a mellor experiencia posible", explica Aldo Sollazo, CEO de Noumena Group
"O que queremos facer é unha tenda que fose algo máis que unha tenda oficial. Queriamos desta maneira incorporar tamén a tecnoloxía a través de cámaras de intelixencia artificial que o que nos permiten é entender mellor cal é o fluxo dos afeccionados e os movementos que fan nela, porque se paran máis en certos produtos e cal é a interacción que fan no tempo con cada un deles", apunta Santiago Vázquez, responsable de Desenvolvemento de Negocio do Deportivo da Coruña
Esta tecnoloxía permítelles tomar decisións rápidas, como cambiar a disposición do mobiliario, que é modular, das pezas de roupa, calcular canto stock precisan e tamén canto persoal é necesario para evitar colas, sobre todo en días de moita afluencia.
"Nun día de partido poden chegar a entrar 3.000, 4.000 persoas ao mesmo tempo", conta Santiago Vázquez.
E isto é o que ven as cámaras, polo que o anonimato está garantido
"Todo o sistema nunca almacena ningunha imaxe de ninguén que poida entrar na DéporTenda. O que facemos é converter todo en datos", continúa Aldo Sollazo.
Pero non é todo tecnoloxía. A innovación tamén está na decoración. Unha onda en 3D percorre toda a tenda e conecta coa identidade marítima do club e faino sostible porque a súa pintura é quen de capturar o CO2 para purificar o ambiente. Esta si que é unha tenda digna dun equipo de Primeira.