Dúas persoas detidas en Marín pola venda de droga en pleno centro da localidade
Os veciños levaban tempo denunciando problemas de inseguridade na zona
Droga incautada. Policía Nacional
A Policía Nacional detivo dúas persoas ás que responsabiliza dun punto de venda de drogas situado en pleno centro da localidade de Marín.
A súa actividade, segundo informou a comisaría provincial, provocaba entre os veciños unha situación de inseguridade. No lugar onde vendían a droga había gran afluencia de persoas toxicómanas.
Denuncias na Policía Nacional e na Local
A investigación policial, sinala un comunicado, iniciouse a principios deste ano tras recibir as primeiras denuncias, tanto a Policía Nacional como a Policía Local de Marín.
Ambos os corpos policiais estableceron de forma coordinada unha serie de dispositivos de vixilancia e constataron a trasfega de drogodependentes na zona. Os axentes interviñeron substancias estupefacientes aos compradores que acudían ao lugar para abastecerse das súas doses.
Tras demostrarse a actividade dos dous responsables deste punto de venda de droga, os investigadores procederon á súa detención.
As dilixencias foron remitidas ao xulgado de instrución de garda de Marín.