Unha queixería de Carballo produce queixos propios de Venezuela ou Colombia
Detrás do proxecto está un veterinario venezolano
Jesús era veterinario en Venezuela, dedicado á sanidade e á reprodución de vacas e búfalos. Veu a Galicia coa idea de seguir neste campo pero a homologación do seu título tardaba e puxo en marcha o plan b: unha fábrica de queixos latinos. Aprendera dos avós a facelos artesanalmente e reforzou os coñecementos ao detectar un nicho de mercado entre os residentes latinos en España. A súa principal liña de produción é o queixo fresco de leite de vaca.
"Tamén fabricamos un pouco de queixo parecido á mozzarella, facemos un queixo fresco afumado e ademais crema de leite", engade Jesús Alejandro Morales.
Abriu a fábrica en Carballo, onde atopou unha nave que xa fora queixería e abastécese do leite de vaca que lle subministra unha cooperativa da comarca.
"Hai que ter en conta que as características organolépticas do leite son diferentes. O clima é diferente. Pero facemos o noso mellor esforzo para entregarlles un produto o máis parecido posible ao que comiamos antes de saír dos nosos países de orixe", afirma o xefe de produción da queixería De mi tierra.
Jesús explica que os latinoamericanos son grandes consumidores de queixo. Non comen unha táboa de queixos, como aquí. Aló, o queixo emprégase máis como ingrediente e adoita estar presente en todas as comidas do día.
"Dentro da arepa, sobre os grans, na pasta... Hai zonas de Colombia onde comen chocolate con queixo. De onde son eu bébese papelón, que é auga de panel, con queixo", engade Jesús.
A fábrica arrancou con dous traballadores. Hoxe son oito, o 90 % venezolanos. Empezaron procesando 1.500 litros de leite; actualmente superan os 100.000, cunha produción de arredor de trece toneladas ao mes. Os seus queixos xa están presentes en tendas de Andalucía, Aragón, Cataluña, Madrid e Asturias, ademais de Galicia, e seguen abrindo mercado.