Unha panadaría compostelá di estar abocada a pechar os luns por falta de persoal
Os propietarios aseguran que decidiron optar polo peche un día á semana para non sobrecargar o cadro de persoal e manter a calidade do produto
O obradoiro e despachos desta exitosa panadería de Santiago ata agora só pechaban contados día de agosto e o primeiro de maio. Mediante un escrito á clientela, explican que se ven obrigados a pechar os luns a partir do próximo, por falta de persoal idóneo para o oficio.
"Cada vez é máis difícil encontrar, é máis complicado encontrar xente. Cada vez estamos arrastrando máis o persoal que leva moito tempo traballando con nós, que é parte da nosa cultura, da nosa identidade e da nosa esencia, e non nos vemos noutra que poder descansar un día para poder facer as quendas, coller vacacións, que os horarios sexan o máis correctos posibles", explica Guillermo Moscoso, panadeiro de Pan da Moa.
Lembran que este emprego non está mal pagado e que se desenvolve en quendas rotatorias de catro días de traballo e dous libres.
Di Moscoso que "non é cuestión de cartos, non é cuestión de horario". E engade: "É cuestión de que a propia sociedade agora mesmo ve outras alternativas antes que poder traballar. Iso vaise reflectindo nunha empresa coma a nosa, pequena. Meu pai é un autónomo que ten esta empresa con 30 empregados, e hai que aguantar e soportar todo iso. Como panadería tamén temos dereito a ofrecerlle ao cliente o mellor produto, o mellor servizo e a mellor calidade. Para iso tamén necesitamos poder ter descansos nós".
E a clientela, como din Joaquín e Charo, amósase comprensiva co de pechar os luns. "Sobre todo para quen somos habituais é unha mágoa. Haberá que vir outro día e coller provisión para a semana", afirma Joaquín. E Charo sinala: "Como cliente non me gusta, pero os traballadores teñen os seus dereitos e teñen que descansar".
Adiantar a compra será, pois, a solución para non ter os luns sen pan da Moa.