Os comerciantes de Vilagarcía aprenden a usar as redes sociais para ampliar o negocio
A cámara de comercio arousá promociona un programa de uso de ferramentas dixitais entre o sector
Trátase de fomentar a visibilidade dos establecementos e ampliar a súa base de clientes
O comercio de proximidade está transformándose a toda présa a través das ferramentas dixitais. Rocío pertence á terceira xeración dun negocio en Vilagarcía de Arousa cuns oitenta anos dedicado ao mundo da bicicleta, un mundo que cambiou radicalmente coa Internet, e recentemente coas redes sociais.
"O tema do whatsapp bussiness que me pareceu moi interesante, porque agora mesmo hai moita xente que che pide vendas a través del, e tamén o tema das redes sociais, que agora mesmo paréceme fundamental", comenta Rocío Louzán, propietaria de Moto Bazar na vila arousá.
A Cámara de Comercio de Vilagarcía promove a través de cursos o manexo de novas ferramentas dixitais aos comerciantes para afrontar os novos retos para achegarse aos compradores. É o caso de Alicia, que con toda unha vida dedicada ao calzado, tras a pandemia tivo que reinventarse.
"Cada quince días fago un directo, logo saco os produtos, fago "reels" (de Instagram). Vas ensinando o que é a túa tenda, o que é o produto", ilustra Alicia Rodríguez, da tenda Complementos Yosu, tamén en Vilagarcía de Arousa.
A irrupción das redes sociais, coa reprodución de contidos de baixo custo permítelles aos pequenos negocios ampliar o seu abano de posibles compradores, aínda que hai clientes para todos os gustos.
Historias, vídeos en primeira persoa, promocións de produtos. Todo un xeito de innovar a través das novas ferramentas dixitais pero sen perder a esencia do comercio de proximidade.
"O xeito de vender é diferente. Non podo dicir que se pareza en nada ao que había antigamente. Por iso, nós tamén temos que evolucionar", mantén a comerciante Rocío Louzán.
"O comercio é vida para as vilas, e temos que seguir loitando por esa venda de ti a ti", reivindica Alicia Rodríguez.
O futuro, tamén no comercio, xa vén para quedar.