A primeira papelería galega de estilo 'kawaii' abriu as súas portas en Lugo
Especializada neste estilo de orixe xaponesa, a tenda ofrece artigos como axendas, estoxos ou mochilas
O seu nome, Kioto, xa é toda unha declaración de intencións. Trátase da primeira papelería 'kawaii' galega, que vén de abrir as súas portas en Lugo. Nos seus estantes hai centos de artigos alusivos a este estilo popular xaponés, como estoxos ou mochilas con personaxes como Kuromi ou Hello Kitty.
"Medrei con Hello Kitty, e gustoume toda a vida. Sempre quixen montar unha tenda da [marca nipona] Sanrio, e tocoume este local. Como xa tiñamos o permiso de papelería, decidín montar unha de estilo kawaii", conta Marialex Besteiro.
Dentro da súa especialización, o negocio está diversificado. Ademais de ser unha papelería, tamén funciona como unha cafetería do mesmo estilo.
"Teño lambetadas, para cando veñen os nenos coas súas nais, que agardan aquí mentres os rapaces ven toda a tenda cos ollos marabillados", sinala Marialex.
Cafetería, papelería ou quiosco, todo zumega a tenrura propia do estilo 'kawaii' neste novo espazo lucense.