Pecha a confeitería con sona de elaborar os mellores roscóns de Reis da Coruña
Houbo longas colas para mercar o roscón e despedirse dun dos sabores tradicionais do Nadal coruñés
O Nadal da Coruña perde unha imaxe icónica, a das longas ringleiras ás portas dunha confeitería do barrio do Ensanche, con sona de elaborar os roscóns de Reis máis ricos da cidade.
O negocio despachou este domingo os últimos doces, poñendo fin a unha historia que comezou a finais de 1964.
A derradeira cola, a da despedida definitiva, comezou a coller forma unha hora e media antes da apertura e non tardou en alcanzar a esquina da rúa, nun adianto do Nadal coruñés por causa forzosa.
"Por unha parte é a tradición, para a xente da Coruña é tradicional vir aquí, e, por outra, a verdade é que o sabor é incomparable", comenta unha das persoas que fai cola desde ben cedo.
A forza de repetirse ano tras ano, a fila para conseguir o roscón desta confeitería converteuse en tradición. A ringleira e as horas de espera non podían faltar a semana do peche.
"Onte estivo a miña filla. Ao pouco dixéronlle que xa non había roscóns e dixen eu, pois vou ás nove. Se a collo ben e se non, non pasada nada", explica unha muller a piques de entrar na confeitería.
Houbo roscón para os que chegaron ás nove, pero moita xente volveu quedar sen ela, desta volta sen máis oportunidades para mercala.
Hoxe o doce de Reis con máis sona da Coruña estará na sobremesa de moitas familias, pero tamén hai quen o vai gardar como un tesouro conxelado para que non falte o seis de xaneiro.
A Coruña perde un negocio familiar e unha imaxe icónica do seu Nadal.