Unha muller desaparecida e aldeas evacuadas en Andalucía, que segue en nivel 2 de emerxencia
A Axencia Estatal de Meteoroloxía activou para este xoves o aviso laranxa por vento e o amarelo por choiva
Buscan unha muller que caeu a un río en Sayalonga (Málaga)
Desprendementos na Xiralda, e a Alhambra está pechada ao público
Cancelan proximidades de Sevilla, Cádiz e Málaga e trens de media distancia e alta velocidade
Andalucía vive os peores momentos da borrasca Leonardo, está activado o nivel 2 de emerxencia. A Axencia Estatal de Meteoroloxía activou para este xoves un aviso laranxa por vento e amarelo por choiva.
Máis de 3.500 persoas continúan desaloxadas e 16 ríos con desbordamentos. Na zona cero en Grazalema recolléronse preto de 600 litros por metro cadrado. Varias provincias andaluzas seguirán hoxe sen actividade nos colexios.
Buscan unha muller que caeu a un río en Sayalonga (Málaga)
A Garda Civil busca unha muller que caeu a un río en Sayalonga (Málaga) a última hora deste mércores, en pleno temporal pola borrasca Leonardo.
O aviso deuno outra muller que a acompañaba, quen alertou de que a súa compañeira caera ao río Turvilla, informaron fontes da Garda Civil.
As dúas mulleres ían paseando, cun can polo menos, cando unha delas, duns 40 anos, caeu ao río. O seu acompañante foi quen avisou aos servizos de emerxencia.
A muller está a ser buscada na zona, río arriba e río abaixo. Ao parecer, o can tamén caera á auga e apareceu despois, pero ela non, segundo fontes do Consorcio de Bombeiros.
No dispositivo de procura participan Garda Civil, Bombeiros, Policía Local e voluntarios, entre outros.
O suceso produciuse nunha zona complicada, en que o terreo empeorou por mor da copiosa choiva, explicaron fontes municipais.
Este é o primeiro caso que se coñece en Andalucía dalgún desaparecido ou falecido como consecuencia da borrasca Leonardo, que mantivo este mércores en aviso vermello varias zonas de Cádiz e Málaga.
A zona en que se produciu o suceso, na comarca da Axarquía, está en aviso amarelo por choivas.
Seguen incomunicados e sen subministración eléctrica uns 1.500 veciños de Casares (Málaga)
Os 1.500 veciños do núcleo poboacional de El Secadero en Casares (Málaga) continúan este xoves incomunicados debido a que as estradas de acceso están asolagadas polo desbordamento do río Guadiaro, e tampouco dispoñen de subministración eléctrica.
Aínda que nas últimas horas baixou lixeiramente o nivel do río, as estradas seguen totalmente pechadas ao tráfico, polo que os veciños deste núcleo seguen illados, segundo informou o Concello.
Este mércores foron desaloxadas de forma preventiva oito familias, sete delas no Secadero, explicaron a EFE fontes municipais.
A Policía Local está en contacto coa poboación mediante o seu sistema de radio portátil e hai preparado un equipo de rescate acuático do Consorcio Provincial de Bombeiros de Málaga por se se presenta algunha urxencia.
Os traballadores municipais van comezar a limpar desprendementos e quitar árbores caídas para dar paso aos vehículos que o necesiten.
Aldeas desaloxadas
Cento vinte veciños de Dúdar (Granada), ao pé de Serra Nevada, foron desaloxados de madrugada do municipio debido á crecida do río Aguas Blancas e o desencoro no pantano de Quéntar, situado a menos de dez quilómetros de distancia.
A localidade quedou illada pola súa entrada natural e, tras habilitarse un camiño veciñal, os habitantes do lugar subiron a minibuses e camións, con axuda dos bombeiros do Consorcio, os servizos de emerxencia e protección civil, para ser conducidos a un hotel de Granada.
En Écija (Sevilla), 76 veciños foron desaloxados das súas casas durante a madrugada, ante o perigo de inundacións na zona na que viven ante o posible desbordamento do río Genil.
Emerxencias 112 Andalucía e o Concello da localidade informaron de que ás 00:30 horas foron desaloxadas 41 persoas e hora e media despois foron 35, despois de que a alcaldesa do municipio, Silvia Heredia, activase o Plan de Emerxencia Municipal de Écija na súa Fase II ante emerxencia por inundación.
Igualmente, o concello de Córdoba procedeu ao desaloxo de varias vivendas en Guadalvalle ante a crecida do río Guadalquivir.
Asemade, efectivos da Garda Civil e da Unidade Militar de Emerxencias rescataron esta noite cinco persoas, entre elas dous menores, e dez cans dunha vivenda asolagada da localidade de San Martín del Tesorillo (Cádiz), informaron ambos os dous corpos.
Dado o nivel de auga acumulada, debido ás intensas choivas caídas pola borrasca Leonardo, os efectivos tiveron que usar unha lancha pneumática para acceder á vivenda e evacuar as persoas.
Os bombeiros da provincia atenderon este mércores un total de 310 incidencias en 12 horas, 138 delas no Campo de Xibraltar e 120 en Xerez e a serra.
Desprendementos na Xiralda, e a Alhambra está pechada ao público
O conxunto monumental da Alhambra e o Xeneralife de Granada non abren este xoves en horario de mañá por motivos de seguridade e ante a previsión de fortes refachos de vento, unha situación que avaliará durante toda a xornada por se é posible abrir en horario de tarde.
O conxunto patrimonial, historicamente o máis visitado do país, decidiu non abrir ante a alerta por posibles refachos de vento que poderían alcanzar os 90 quilómetros por hora e que está activa ata as 17:59 horas deste xoves.
Pola súa parte, a Policía Local de Sevilla acordoou estae xoves parte da praza Virgen de los Reyes da capital andaluza ante a caída de elementos da estrutura da Xiralda, previsiblemente debido ao vento e a choiva.
🔴07:15 h. Policía Local mantiene acotada una zona de la Plaza Virgen de los Reyes por desprendimiento de elementos de la Giralda. #BorrascaLeonardo
— Emergencias Sevilla (@EmergenciasSev) February 5, 2026
Sigue las indicaciones de los agentes
Gracias por tu colaboración#SeguridadCiudadana @Ayto_Sevilla pic.twitter.com/59uOXXx3Mu
O elemento desprendido é unha das xerras de azucenas que coroan as catro esquinas da terraza do campanario desde 1751.
A azucena que se desprendeu está elaborada en bronce fundido e forma parte dun conxunto de catro idénticas, que tras deteriorarse foron retiradas e recolocadas nos anos 70, sen que desde entón sufrisen problema algún.
O Cabido da Catedral informou a EFE de que nada máis amencer se realizou unha inspección técnica visual do resto de remates da Xiralda por parte dos técnicos responsables da Catedral, sen detectarse outros defectos aparentes.
Con todo, manterase o perímetro de seguridade ao redor da torre, ata tanto se poida efectuar unha revisión máis en profundidade con medios auxiliares, que permitan descartar a existencia de perigos.
A azucena desprendida está integrada no remate renacentista que nestes momentos se atopa pendente do decreto da licenza do Concello para iniciar a súa restauración, conclúe o Cabido.
Sevilla pecha por segunda vez na súa historia as comportas de Triana para evitar anegamentos
O Concello de Sevilla pechará por segunda vez na súa historia as comportas do Muro de Defensa para protexer o barrio de Triana da enchente do río Guadalquivir, unha infraestrutura instalada en 2011 que fai que haxa un peche hermético que retén a auga no caso de que se produza unha crecida perigosa.
Segundo informaron a EFE fontes municipais, así se decidiu por precaución ante a previsión do aumento do caudal do río, activando unha medida no paso inferior do Muro de Defensa que conecta o barrio de Triana co río Guadalquivir.
Ás 9 da mañá iniciouse o proceso para o peche deste paso inferior que comezou a funcionar en xullo de 2011 e conta con comportas metálicas abatibles de dúas follas, cunha anchura de 11,5 metros e catro metros de altura, que unha vez pechadas bloquean a chegada de auga ao barrio de Triana, pechando así mesmo un túnel de 30 metros de longo.
Cancelan proximidades de Sevilla, Cádiz e Málaga e trens de media distancia e alta velocidade
A circulación de todos os servizos de proximidade de Sevilla, Cádiz e o C2 de Málaga, e tamén varios de media distancia e alta velocidade, permanece suspendida debido ás choivas e vento intenso, segundo informou Renfe nun comunicado.
En media distancia permanecen suprimidos os trens Alxeciras-Antequera AV/AV, sen alternativa de transporte por estrada; os primeiros servizos dos Málaga-Sevilla, Cádiz-Sevilla, Sevilla-Córdoba e Huelva-Sevilla e o de media distancia Córdoba-Xaén manteñen un servizo alternativo de transporte por estrada como consecuencia das limitacións de velocidade.
Tamén están cancelados, con transporte alternativo por estrada, os trens de media distancia Huelva-Jabugo, Granada-Almería, e no Xaén-Madrid está suprimido o tramo entre Xaén e Vilches, con servizo alternativo de transporte por estrada neste traxecto.
Suprimíronse os trens de proximidade de Córdoba entre C. U. Rabanales e Córdoba J. A. pola suspensión da activade lectiva na Universidade.
Do servizo Avant de Andalucía, canceláronse os primeiros trens da mañá e suprimíronse en ambos os sentidos todos os servizos AVE Madrid-Málaga.
Só se garante o traxecto Madrid-Córdoba e dous primeiros servizos AVE por sentido da mañá Córdoba-Sevilla.
Tamén se inclúen como cancelados os Intercity Almería-Madrid, Alvia Almería-Granada-Madrid, Alvia Alxeciras-Málaga e Ronda-Antequera.
Con traxectos cancelados figuran os Alvia Cádiz-Madrid, suprimido no traxecto Cádiz-Córdoba, e o Alvia Cádiz-Barcelona, suprimido no traxecto Cádiz-Linares.
Renfe activou cambios de data e anulacións de billete sen custo e está a informar aos viaxeiros a través das canles de comunicación e atención ao cliente habituais. E informa de que está a levarse a cabo unha vixilancia constante da evolución da situación meteorolóxica para restablecer o servizo en canto sexa posible.