Publicador de contidos

Publicador de contidos

Renfe deixa Vigo sen trens por segundo día e amplía a suspensión á liña Ourense-O Carballiño-Santiago

Renfe deixa Vigo sen trens por segundo día e amplía a suspensión á liña Ourense-O Carballiño-Santiago

Segundo informou Renfe, están habilitados os cambios e anulacións de billetes de xeito gratuíto

Centos de viaxeiros buscaron praza nos autobuses pola suspensión dos trens en Vigo

Suspendido tamén o transporte marítimo na ría de Vigo

G24.gal 05/02/2026 07:43 Última actualización 06/02/2026 09:49

A Renfe mantén para este venres a suspensión  do servizo ferroviario con orixe e destino en Vigo e amplía o corte á ruta entre Ourense, O Carballiño e Santiago.

Os traxectos afectados son os que conectan as estacións Vigo Urzáiz con Compostela, Vigo Guixar con Santiago, Tui e Ourense e a liña Ourense-Carballiño-Santiago.

A decisión tómase ao seguir activo o risco de inundacións e desprendementos de terra en todo o Eixo Atlántico.

A Renfe non establece un plan alternativo de transporte por estrada.

 Segundo informou A Renfe, están habilitados os cambios e anulacións de billetes de xeito gratuíto.

A compañía informa de que despregou persoal en estacións para informar os clientes e irá actualizando a información segundo vaia avanzando o día.

Fontes da empresa aseguraron que a suspensión dos trens cara a e desde Vigo se debeu á inundación dun tramo das vías á altura de Vilagarcía de Arousa

O paso da borrasca Leonardo, que está a deixar importantes precipitacións e vento en case a totalidade da Península, a excepción do nordés, afectou tamén a gran parte do tráfico ferroviario en Andalucía, tanto na rede de alta velocidade e longa distancia como nos servizos de media distancia e Proximidades.

A circulación por estradas tamén se está vendo afectada, con 116 estradas pechadas ao tráfico, 100 pola intensa choiva e inundacións e 16 pola neve, segundo informou a Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

O Concello de Vigo reclama un servizo alternativo de buses

O Concello de Vigo, pola súa banda, enviou un comunicado na tarde deste xoves para informar de que reclamou a Renfe un servizo alternativo de buses "dado que a rede ferroviaria non está en condicións de operatividade".

"A Renfe debe poñer ao dispor dos seus viaxeiros autobuses que circulen desde a estación de buses de Vigo ata Santiago, coas mesmas frecuencias que o tren, e con capacidade suficiente para o traslado de tódolos usuarios. "A Renfe non pode deixar desatendidos e sen servizo de transportes aos viaxeiros e viaxeiras de Vigo", di o comunicado municipal.

 

Catro voos afectados en Peinador debido ao vento

Catro voos de liñas comerciais non puideron aterrar este xoves en Vigo debido ao temporal. Dous deles foron desviados ao aeroporto da Coruña, outro regresou ao seu punto de partida en Madrid, mentres que un cuarto directamente se cancelou.

O primeiro avión que tiña que aterrar este xoves en Vigo procedente de Madrid, da compañía Air Europa, non puido facelo debido aos fortes refachos de vento cruzado de máis de 30 nós (55 quilómetros por hora). A súa chegada estaba prevista para as 7:50, e acabou regresando a Baraxas.

Pouco despois, o seguinte voo de Air Europa de Vigo a Madrid, previsto para as 8:40 horas tamén se cancelou.

En cambio, si lograron aterrar un Vueling procedente de Barcelona e outro de Iberia Rexional desde a capital de España.

Posteriormente, un voo da compañía Binter procedente das Palmas de Gran Canaria que tiña que aterrar en Vigo ás 12:10 horas non conseguiu facelo e tivo que ser desviado ao aeroporto de Alvedro na Coruña.

Minutos despois, tamén foi desviado ao aeroporto coruñés un Iberia Rexional procedente de Madrid, que tiña a súa chegada prevista ás 12:50 horas.

Onte á noite, outro avión da compañía Binter, procedente de Gran Canaria tivo que ser desviado a Santiago tras dar varias voltas ao redor de Vigo esperando sen éxito para poder aterrar.

Suspendido o transporte marítimo na ría de Vigo

O servizo de transporte marítimo na ría de Vigo foi suspendido debido ás condicións meteorolóxicas adversas que este xoves se rexistran en Galicia.

Así, na mañá deste xoves a navieira Mar de Ons explicou que, debido ás malas condicións meteorolóxicas, procedía a cancelar o servizo entre Cangas e Vigo, sendo as últimas saídas a das 10:30 horas desde Cangas e a das 11:00 horas desde Vigo.

Pola súa banda, Nabia informou de que tamén procede á cancelación de todas as saídas desde Moaña e Vigo debido ao temporal polo que a última saída foi a das 10:30 horas desde a cidade olívica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos