Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detidos catro homes acusados de cinco roubos con violencia en Boiro

Detidos catro homes acusados de cinco roubos con violencia en Boiro

Segundo a Garda Civil, os arrestados ían armados e empregaban unha grande agresividade coas vítimas

G24.gal 05/02/2026 09:10

A Garda Civil de Boiro detivo catro homes como presuntos autores en Boiro de cinco delitos de roubo con violencia e intimidación, nos que empregaban armas brancas e unha elevada agresividade contra as súas vítimas.

Segundo o instituto armado, as investigacións iniciáronse tras un roubo perpetrado en decembro do pasado ano, cando os autores accederon pola forza a unha vivenda para subtraer diñeiro.

A mediados de xaneiro, intensificaron a súa actividade delituosa, sobre todo no centro urbano da localidade.

Un dos episodios máis graves produciuse ao irromperen pola forza nunha vivenda e atacaren aos seus propietarios mentres se apoderaban de diñeiro en efectivo. Unha das vítimas sufriu lesións durante o asalto.

Esta agresividade manifestouse igualmente na vía pública, onde o grupo asaltou de forma violenta dúas mulleres de avanzada idade e unha parella de viandantes que precisou asistencia médica.

Finalmente, a actividade criminal culminou co atraco a un establecemento comercial do municipio, onde o principal investigado abordou o propietario cunha navalla para esixirlle a recadación, mentres un segundo integrante do grupo realizaba labores de vixilancia no exterior.

Os catro detidos foron postos á disposición do xulgado de Ribeira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade