Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morren dúas persoas nas estradas galegas esta fin de semana

Morren dúas persoas nas estradas galegas esta fin de semana

Unha das vítimas tiña 25 anos e a outra 23

Os sinistros ocorreron en Ourense e Cerceda

Lugar do accidente ocorrido en Ourense
G24.gal 20/03/2022 17:00

Varios particulares avisaban, pasadas as tres e media da mañá, de que na estrada nacional 525 ao seu paso por Ourense había un coche envorcado e unha muller tendida no chan, fóra do vehículo. 

"Ao chegar ao lugar hai un coche envorcado de xeito lateral e unha persoa despedida do vehículo. Xa non se puido facer nada por ela", conta Amancio Rodríguez, bombeiro de Ourense.

Ata o lugar desprazáronse axentes da Policía Local, bombeiros de Ourense, membros de Protección Civil de Barbadás e persoal sanitario. Porén, non puideron facer máis que certificar a morte da moza, de vinte e cinco anos.

Agora investígase por que o coche que conducía saíu da vía polo carril contrario na conexión coa Valenzá. O turismo acabou batendo contra un farol e envorcando. A condutora saíu despedida, supostamente porque non levaba posto o cinto de seguridade.

"Subiu un muro natural, de dous ou tres metros de altura, e ao baixar nunha posición lateral bateu contra un farol. Supoñemos que a persoa saíu despedida xa ao principio do accidente", asegura Amancio Rodríguez.

Con esta xa son dúas as vítimas mortais que se rexistran na fin de semana na rede viaria galega. Outra persoa faleceu o sábado en Cerceda. O seu vehículo bateu frontalmente contra un camión do lixo. Neste caso tratábase tamén dun condutor moi novo. Tiña 23 anos.

O camión do lixo implicado no accidente de Cerceda O camión do lixo implicado no accidente de Cerceda
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade