Unha casa en ruínas pon en perigo os fregueses de San Xoán en Ferrol
A asociación de veciños pide que o concello actúe canto antes
Os veciños din que levan anos loitando para que estes edificios que agora están baleiros teñan algún uso. Aseguran que un dos principais atrancos que teñen é que están especialmente protexidos por Patrimonio, polo que quen se faga cargo deles vai ter que respectar as fachadas e non lles pode dar calquera uso.
Urxen o Concello de Ferrol a derrubar unha casa en ruínas situada en fronte a igrexa da parroquia. Levan anos insistindo na necesidade de que se tomen medidas con ese inmoble, máis aló de pechar as fiestras e portas que se acometeu hai algún tempo. Aseguran que as construcións levan embargadas anos, e que o dono actual, dadas as limitacións urbanísticas da zona está disposto a facer un prezo especial se se dedica a fins sociais.
Na oferta inclúen varias propiedades lindeiras que fan un total de dous mil metros cadrados. Na asociación queren, que aproveitando esta rebaixa no prezo, o concello compre a leira e despois se constrúa un local xa que o existente está saturado.
Andrés Medín, presidente da Asociación de Veciños San Xoán-Bretón, di que "aquí caeu o tellado estando os nenos dentro, despois caeu o primeiro andar e que coa cantidade de xente que ven a igrexa, as misas, as comuñóns, que se arrima a xente a parede, vai caer a causar algún dano".
Medín afirma que o barrio é de nove mil persoas, "somos catrocentos socios e o centro social ten cen metros cadrados. Temos capacidade para 80 persoas. Temos moitas actividades, estamos abertos os sete días da semana, incluso a fin de semana facemos bailes para maiores, e non podemos atender a todos. Hai listaxe de espera e mesmo hai xente que está a quedar fóra".
O inmoble data de 1930. En 2018 un informe de Urbanismo ordenou a demolición ou rehabilitación integral do edificio. A orde non foi atendida. En setembro do 2019 declarouse a ruína técnica da casa.