Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un xulgado prohibe o uso de altofalantes a unha igrexa de Pontevedra

Un xulgado prohibe o uso de altofalantes a unha igrexa de Pontevedra

Este sistema estaba "a prexudicar os veciños" xa que soaba permanentemente desde a madrugada ata ben entrada a noite, a pequenos intervalos de tempo, incluíndo mesmo "concertos de música"

Igrexa de Verducido en Pontevedra/Foto de arquivo/Europa Press
G24.gal 20/03/2025 16:34 Última actualización 21/03/2025 14:28

Un xulgado de Pontevedra prohibiu o uso de altofalantes para ampliar o repenique das campás da igrexa de San Martiño, en Verducido, por ser "incompatible" coa normativa sobre contaminación acústica.

O titular do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra sostén que, neste caso, debe prevalecer o dereito ao descanso, á saúde e á intimidade domiciliaria. 

O tribunal, segundo a resolución facilitada á prensa, avala así a orde emitida polo Concello de Pontevedra en 2022 que instou ao cesamento destas emisións, unha decisión que para o xuíz foi "proporcionada e acorde a dereito".

O sistema da discordia, que leva xa desactivado desde que empezou este conflito, amplificaba o son das campás mediante mecanismos electrónicos.

Soaba permanentemente desde a madrugada ata ben entrada a noite, a pequenos intervalos de tempo, incluíndo mesmo "concertos de campás", segundo o maxistrado.

Ademais, durante o confinamento pola pandemia da covid-19 soaba música con "obxecto de elevar o ánimo dos veciños", recolle a resolución xudicial.

A sentenza subliña que este sistema estaba "a prexudicar veciños concretos", como o que denunciou o caso, aínda que considera que este conflito" podería e debería solucionarse de maneira consensuada, proporcional e racional entre os afectados, con algún tipo de mediación".

O xuíz sinala que non debería existir inconveniente en permitir que, conforme a unha tradición que "forma parte do patrimonio inmaterial do rural galego" e ao dereito á liberdade de expresión relixiosa", repeniquen as campás en días festivos ou sinalados, chamando á misa, ou a morto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade