Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un xuíz investiga a exdirectora do CNI pola espionaxe a Aragonès co programa Pegasus

Un xuíz investiga a exdirectora do CNI pola espionaxe a Aragonès co programa Pegasus

O titular do Xulgado de Instrución número 29 de Barcelona sostén que os feitos denunciados por Aragonès na súa querela presentan características que "fan presumir a posible existencia de infraccións penais"

Citou como investigada a Paz Esteban o próximo 13 de decembro, o mesmo día en que tamén terá que comparecer Aragonès, no seu caso, como prexudicado

G24.gal 16/10/2023 10:02

Un xuíz de Barcelona admitiu a trámite a querela do presidente da Generalitat, Pere Aragonès, pola suposta espionaxe da que foi vítima co programa Pegasus e acordou citar como investigada a exdirectora do Centro Nacional de Intelixencia Paz Esteban.

O titular do Xulgado de Instrución número 29 de Barcelona sostén que os feitos denunciados por Aragonès na súa querela, por delitos de intromisión non autorizada en equipos informáticos, interceptación ilegal de comunicacións, espionaxe informática e contra os dereitos fundamentais, presentan características que "fan presumir a posible existencia de infraccións penais".

Aragonès querelouse contra a exdirectora do CNI Paz Esteban e contra NSO, a empresa israelí propietaria do sistema de contraespionaxe Pegasus, en xuño de 2022, aínda que o titular do Xulgado número 29 de Barcelona, sobre o que recaeu o caso, inhibiuse ante a Audiencia Nacional, a pedimento da Fiscalía, ao considerar a este tribunal o competente por ser o presidente catalán unha alta institución do Estado.

Esta decisión foi revogada en xuño pasado pola Audiencia de Barcelona, polo que finalmente o titular do Xulgado 29 asumiu o caso, acordou admitir a trámite a querela e citou como investigada a Paz Esteban -na que é a súa primeira imputación polas espionaxes con Pegasus- o próximo 13 de decembro, o mesmo día en que tamén terá que comparecer Aragonès, no seu caso, como prexudicado.

O Goberno destituíu a Paz Esteban á fronte do CNI en maio de 2022 por mor da polémica pola espionaxe con Pegasus, que ademais de Aragonès e máis de medio centenar de dirixentes independentistas tamén alcanzou o propio presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a ministra de Defensa, Margarita Robles.

O xuíz de Barcelona remarca no seu auto que o colectivo Citizen Lab, vinculado á Universidade de Toronto e experto internacional no programa Pegasus, publicou en abril de 2021 un informe sobre persoas do movemento independentista catalán e de ERC cuxos teléfonos móbiles podían ser infectados para "espionaxe política", entre eles o de Aragonès. Neste sentido, subliña que o informe de Citizen Lab detallaba que o móbil de Aragonès foi infectado a través de SMS enviados os días 4, 5 e 13 de xaneiro de 2020, cando era vicepresidente da Generalitat, e que o informe pericial que se presentou no xulgado "avala" este feito.

Por este motivo, ademais de citar a Paz Esteban como investigada, o xuíz acordou unha batería de dilixencias, entre elas libraren un exhorto ao maxistrado do Tribunal Supremo responsable do control xudicial do CNI para que certifique se autorizou o uso de software de control remoto, monitorización, balizamento ou calquera fórmula de intervención das comunicacións de Aragonès.

En caso afirmativo, o xuíz de Barcelona solicita ao do Supremo que lle remita as resolucións xudiciais polas cales se autorizou esta "inxerencia". Ademais, e de forma previa á solicitude da "pertinente desclasificación" de documentación secreta, o xuíz reclama ao CNI información relativa á compra e posible uso de Pegasus e sobre as "concretas persoas" que actuaron en nome deste organismo nos procesos de encarga, compra e recepción do programa e se se utilizou para espiar a Aragonès.

Tamén pide ao CNI e á Comisión Delegada de Asuntos de Intelixencia do Goberno que concrete se o CNI ou calquera outro organismo gobernamental español adquiriu ou utilizou Pegasus. O xuíz dirixiuse así mesmo ao Tribunal de Contas e á Intervención Xeral do Estado para que lle remitan unha certificación sobre se o CNI adquiriu produtos ou licenzas ou pagou servizos de calquera tipo a NSO Group desde 2014 ata a actualidade e que proporcionen todos os datos dos que dispoñan sobre estes produtos.

Paralelamente, o xuíz emitiu unha Orde Europea de Investigación para que a empresa matriz de NSO, OSY Technologies, con sede en Luxemburgo, aclare se comercializaron Pegasus con organismos gobernamentais do Estado español e, se é así, que detallen con cales e con que persoas. Tamén require a estas empresas que acheguen os documentos relativos ao "encargo, compra, instalación, pago, formación e soporte" ao cliente ou técnico do programa Pegasus e que identifiquen os clientes deste software de espionaxe en España. Así mesmo, solicítalles que entreguen informacións e datos sobre os dispositivos e sistemas informáticos sobre os que os organismos españois "dirixiron e utilizaron o programa Pegasus".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade