Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno destitúe a directora do CNI polo caso Pegasus

O Goberno destitúe a directora do CNI polo caso Pegasus

O Consello de Ministro tomou a decisión tras a polémica pola espionaxe a líderes independetistas e a sufrida por Sánchez, Robles e Marlaska nos seus móbiles

A ministra de Defensa asegura que "seguirá contando" co apoio de Sánchez

G24.gal 10/05/2022 11:01 Última actualización 10/05/2022 16:08

O Goberno decidiu destituír a directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) Paz Esteban tras a polémica pola espionaxe a dirixentes independentistas e a sufrida nos seus teléfonos móbiles polo xefe do Executivo Pedro Sánchez; a ministra de Defensa Margarita Robles e o ministro do Interior Grande-Marlaska.

A decisión adoptouse na reunión do Consello de Ministros deste martes, que nomeou a actual secretaria de Estado de Defensa Esperanza Casteleiro nova directora do CNI. Como Esteban, ingresou no CNI en 1983 e ocupou o cargo de secretaria xeral do centro entre 2004 e 2008.

O caso Pegasus custoulle o posto a Paz Esteban á fronte do CNI. A súa substituta, Esperanza Casteleiro, exercía ata agora de número dous do Ministerio de Defensa. A ministra Robles quitoulle importancia á remuda.

O cesamento de Paz Estaban é insuficiente para os socios de Sánchez e inxustificable para a dereita.

A Voceira da CUP no Congreso Mireia Vehí considera que a destitución é unha "cortina de fume" e pregúntase por que ten que dimitir quen cumpre ordes e non quen as dá.

"Se cren que isto é para agradar a ERC, equivócanse", asegurou o portavoz deste partido no Congreso Gabriel Rufián, quen asegura que "non se trata de pedir cabezas".

Feijóo acusa a Sánchez de debilitar o Estado ao cesar a directora do CNI

O lider do PP Alberto Núñez Feijóo acusou a Sánchez de "debilitar o Estado para buscar a súa supervivencia" ao consumar o "esperpento" e ofrecer a cabeza da directora do CNI. O PP cre que a destitución demostra que son os independentistas vascos e cataláns "os que mandan" en España.

A posibilidade da substitución de Paz Esteban comezou a gañar forza despois de que a directora do CNI recoñecese o pasado xoves ante a Comisión de Gastos Reservados do Congreso que os servizos de intelixencia espiaran con autorización xudicial o actual presidente da Generalitat Pere Aragonès e outra vintena de políticos independentistas.

Tanto Unidas Podemos, socio do Goberno de coalición de Pedro Sánchez, como ERC e outros partidos independentistas, apoio parlamentario do Executivo, pediron inmediatamente que se asumisen responsabilidades políticas por estas escoitas.

De forma paralela, o Centro Criptolóxico Nacional, que depende do CNI, abriu unha investigación para esclarecer se os teléfonos móbiles doutros membros do Goberno, ademais de Sánchez e Robles, tamén foran espiados, pero esta vez por un elemento externo ao Estado e, polo tanto, sen autorización xudicial.

Grande-Marlaska, tamén infectado coa Pegasus

O Consello de Ministros informou este martes que tamén foi infectado o teléfono móbil do ministro do Interior Fernando Grande-Marlasaka polo sistema Pegasus.

A portavoz do Goberno Isabel Rodríguez, quen deu conta desta novidade, informou tamén dun intento de infección "errado" do móbil do ministro de Agricultura Luis Planas polo mesmo programa espía. A espionaxe ao teléfono de Grande-Marlaska tivo lugar no mes de xuño de 2021, do mesmo xeito que a de Robles. 

O resto de teléfonos de membros do Goberno "non teñen rastro" de Pegasus, asegurou a portavoz, que sinalou que a información se porá a disposición da xustiza nas próximas horas.

Fontes do CNI insistiron nas últimas semanas en que o control de seguridade deses terminais non é responsabilidade dos servizos de intelixencia senón dos servizos de seguridade da Presidencia do Goberno.

Segundo estas fontes, o CNI limítase a trasladar aos responsables de seguridade boletíns internos coas ameazas máis recentes e a súa forma de atallalas, pero non actúa directamente sobre os terminais. 

Robles di que vai seguir contando co apoio de Sánchez

A ministra de Defensa, garantiu este martes que ten "a plena confianza" do presidente do Goberno Pedro Sánchez, de quen sempre atopou apoio, e vaino seguir atopando.

Para Robles, que a sucesora de Paz Esteban sexa Esperanza Casteleiro, a súa directora de gabinete durante dous anos e medio e agora secretaria de Estado de Defensa, supón o "recoñecemento" do Goberno ao labor do Ministerio de Defensa, e engadiu que como servidora pública hai que estar "preto dos cidadáns", pero "non con grandes palabras, senón con grandes feitos".

Preguntada se se expón a dimitir, a titular de Defensa asegurou que estar no Ministerio é un "agasallo" do que está orgullosa, aínda que "todos cometemos erros".

Pola súa banda, a ministra portavoz Isabel Rodríguez non adiantou aínda a data para a anunciada reunión entre Pedro Sánchez e o presidente da Generalitat Pere Aragonès que poida limar asperezas entre os socios parlamentarios do Executivo pola espionaxe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar